Opinión

As infinitas caras de Oliver Twist

A MARCHAS forzadas volvemos ás corredoiras do XIX. A Inglaterra da primeira revolución industrial que había de cambiar o mundo tinguiu de negro as verdes colinas, os pulmóns, as casas dos traballadores. A ‘gloriosa’ época victoriana onde o 15% dos cativos morre ao nacer. Descalzos, esfameados, traballando longas horas por un salario infame, os nenos comían mal e cobraban pouco pero axudaban á precaria economía familiar.

Hoxe, en 2015, a poeira do carbón son os gases que envelenan o planeta. Os traballadores amoréanse nos seus arrabaldes. E medran os guetos para inmigrantes máis ou menos documentados. Ás veces ferve o zume da ira e o lume ilumina a noite cos coches queimados, co saqueo de tendas e negocios.

Oliver Twist non vive nun orfanato, é un neno inmigrante que vén da desfeita do leste de Europa, que foxe da primavera dos fanatismos de Oriente Medio e norte de África, que escapa da depredación das riquezas de África, do cambio climático que fai invivible tanta xeografía física e humana.

Oliver Twist non vive nun orfanato, é un neno inmigrante que vén da desfeita do leste de Europa, que foxe da primavera dos fanatismos de Oriente Medio e norte de África

Según Kevin Hyland, comisionado anti-escravitude moderna de Gran Bretaña, os ‘Oliver Twist’ son unha realidade cotiá para uns 13.000 nenos vulnerables. Deberían estar na escola pero utilízanse en operacións criminais. Son enviados a roubar, mendigar e atacar turistas en Londres, a City dos depredadores. Hyland di que as 151 condenas por delictos relacionados coa escravitude son a punta dun iceberg de explotación sexual, traballo infantil, servidume doméstica e criminalidade forzada.

Oliver Twist en Inglaterra, Oliver Twist en España. Según a enquisa de condicións de vida do Ine, un de cada tres menores vive en risco de pobreza, camiño da exclusión social e a seren carne de canón dos canallas. A taxa de pobreza leva tres anos aumentando, e segundo o índice Arope, que combina pobreza, carencias materiais e emprego precario, o 35,4% dos menores está dentro dese indicador. Un terzo dos nenos españois están en perigo de se parecer a Oliver Twist, símbolo hoxe da destrución da infancia. En Londres caen baixo as redes da delincuencia e da marxinalidade, propiciada na época vitoriana pola migración rural ás ciudades, e hoxe por oleadas de inmigrantes que escapan dos infernos da xeografía e dun modelo económico diabólico.

Oliver Twist foi unha das primeiras novelas sociais, un ‘aldabronazo’ nas conciencias sobre a pobreza, o traballo infantil e a utilización de menores para cometer roubos e delictos. Dickens denunciou a hipocresía daquela sociedade, hoxe tería que facer o mesmo nun mundo onde uns poucos usufructúan os bens da terra e condenan á inmensa maioría á inseguridade, ao presentismo da pobreza, á falta de esperanza. Un terzo dela, a máis sensible, aquí, ten as múltiples caras de Oliver Twist.

Comentarios