Opinión

Insectos diminutos, xigantes necesarios

FURAN, VOAN, corrican, agatuñan, nadan. Os máis diminutos. A saber cantas especies comparten o planeta connosco. Os entomólogos falan dun millón de especies descritas, quizais outros dez sen describir. Son o 90% das formas de vida no planeta. Tantos e tan necesarios: o primeiro prato no banquete da vida.

A mirada do homo sapiens demórase nos máis grandes, os que posan rufos diante das cámaras. "¡Salvemos a balea azul!" "¡O oso polar!" "¡O tigre das neves!", "¡Os gorilas perdidos na néboa!" Esquecemos aos veciños próximos. Os máis diminutos. Desapercibidos, entretecen a trama dos ecosistemas. 

Velaí o enxordecedor concerto dos grilos, cada noite con máis tempos de silencio. Ou as bolboretas, diurnas e nocturnas co seu voo sincopado detido. Onde se agachan? Vense tan poucas que case podemos contalas. Unha libélula patrulla polo cauce baldeiro de insectos, de auga, sangue da vida. Só unha: non debe haber moita comida.

E si, de súpeto decátaste de que falta o zunido dos insectos. Que case non hai que limpar o parabrisas do coche. Que a auga agora escasea. Mentres, recordamos o clima amable, a chuvia cabalgando nos temporais do outono. 

¿Onde aluman os vagalumes, faroliños na verbena da noite a piques de se quedar sen pilas? ¿Por qué ventos cabalgan os cabaliños do diaño? ¿Onde voan as stakhanovistas abellas, noivas das flores? ¿Onde se agachan os nosos abellóns, xoias que zugan o azucre e fertilizan as flores co acordeón ao lombo? ¿Onde están os enxamios de mosquitos provocando círculos de fame e ledicia nas andoriñas e vencellos? ¿Cando vimos por última vez ao inofensivo, acorazado escornabois? ¿Que foi das xoaniñas que contaban incansables os dedos? Onde están agora? ¿Onde furan, voan, agatuñan os máis diminutos? Expulsados dos seus hábitats acabarán vivindo como refuxiados nos debuxos animados, nos contos infantís. Aínda que agora os cambios aceleran, xa na década dos 50 Rachel Larson advertía do silencio da natureza en ‘Primavera silenciosa’. Porque resulta que cada especie de insectos éche un termómetro que mide a temperatura da vida. Esmorece se faltan eles e os ecosistemas degrádanse.

Todo está entretecido, relacionado, imbricado. Todo quere seguir sendo todo, pezas necesarias contra a voracidade humana. O noso éche o planeta da vida, non se coñece outro similar na inmensidade do cosmos. Pero hoxe corre o risco de se transformar nunha paisaxe crepuscular, baldeirada. Onde só importa o benestar dunha soa especie. Que monopoliza espazos deseñados para a diversidade e recursos abondosos para millóns de especies. Vivas, necesarias, interdependentes. A maioría das especies animais son insectos. Son diminutos. Pero a súa ausencia, o seu silencio empeza a ser xigante.

Comentarios