Opinión

Irán: o silencio apoia aos tiranos

NAS PORTADAS, a foto da actriz e directora de cine iraní Taraneh Alidoosti. Detida por denunciar, co seu rostro e cun cartel, o aforcamento dun rapaz pola ditadura cruel dos clérigos medievais. O réxime dos ayatolás contra os seres humanos. No cartel, a mensaxe: "¡Muller Vida Liberdade!". En realidade, o máis subversivo é a figura desta fermosa muller sen o hiyab, velo de submisión. Figura coñecida e recoñecida, en 2017 protagonizou The salesman, Oscar á mellor película estraxeira.

O represado malestar social contra a ditadura estoupou coa morte da rapaza kurda Masha Amini, a mans da "policía da moral", caricatura incrible no século XXI da "policía do pensamento" de 1984, a distopía de Orwell, inspirada no sinistro NKVD de Stalin. Os déspotas camiñan pola historia sempre da man. Ata que o pobo consegue limpar o lixo destas excrecencias ditatoriais.

Aos tiranos non lles gusta a liberdade, o ar da cidade que fai libres. Tratan de atemorizar á xente  e silenciar os medios. "¡A rúa é miña!", proclaman os autócratas para expulsar a xente nova e ás mulleres destes lugares de convivencia. Foros onde se visibiliza a democracia, ferven os descontentos e a crítica política ergue a voz.

Contra a rúa, amedrentamento e medo. A actriz escribíu na conta de instagram, agora bloqueada: "O teu silencio significa que apoias á tiranía e aos tiranos". Porque aos clérigos o que lles alporiza é o poder das mulleres. Por iso tentan invisibilizalas tras do home, e no seu cárcere de tea.
En Irán, en calquera parte do mundo, as mulleres son a metade da sociedade. Ningún país pode voar sen as dúas ás, feminina e masculina. Onde son excluídas créanse países atrasados e crueis, paraísos de tiranos corruptos. Só queda escapar ou  derrubar o réxime, como fan as iranís. Taraneh non é a primeira actriz detida pero o protagonismo internacional e o seu activismo faina perigosa. Por iso hai que silenciala. E mandar unha mensaxe nidia ás mulleres: ¡Non digas nada!, ¡Non escribas nada!, ¡Non te metas en política!

A valentía desta muller contrasta co silencio no Mundial de fútbol que vén de rematar en Catar: nin unha palabra da turbia Fifa ou das megaestrelas banais do fútbol, endiosadas polos medios, sobre o futbolista da selección iraní Amin Nasr-Azadani, detido e condenado a morte por defender públicamente liberdades e dereitos das mulleres. 

Tres meses despois do inicio das protestas en Irán. Miles de detidos despois. 400 mortos e varias condenas a morte despois, o réxime inhumano da república islámica, daquel Jomeini de 1979 a deste Jamenei de 2022, está condenado. 

O silencio apoia aos tiranos. Pero os gritos da vida, os gritos das mulleres, os gritos de liberdade, o berro de Taraneh Alidoosti contra os tiranos, non poden ser silenciados.

Comentarios