Sábado. 23.06.2018 |
El tiempo
Sábado. 23.06.2018
El tiempo

'La utilidad de lo inútil'

O TÍTULO DO libriño deste profesor de filosofía italiano éche resumo perfecto. Este tempo de crise, con luces para poucos e sombras para tantos, non pode asistir pasivamente á interesada destrución da cultura que o poder despreza e teme. A sociedade apunta no haber e considera útil só o que produce beneficio. Ou coas palabras do poeta Antonio Machado, confunde valor e prezo, cousa de necios.

Nuccio Ordine reivindica o valor da literatura, dos clásicos que permanecen e aos que volvemos sempre. Denuncia os indisimulados intentos de desintegración de universidades, auditorios, teatros, orquestras, laboratorios, bibliotecas coa escusa da crise. Recortes de políticas miopes afectan ao pensamento, á filosofía, á música, ás artes, á investigación. ‘Cousas que estorban’ dicía un ministro desnortado tentando vacinarnos contra o futuro.

A cultura, claro, é ‘inútil’ en tempos de desolación neoliberal onde o diñeiro e a depredación domina todo. ‘Ademais é moi cara’, din. Ocultan que a ignorancia é infinitamente máis custosa porque arrinca a tiras a dignidade humana e condena á maioría ao apartheid dos berros, do carpe diem, do presentismo, da brutalidade, da ignorancia.

Útil é o que nos fai mellores e non só o que produce beneficios contables. As humanidades que nos cultivan e que agora semellan condenadas. A filosofía que obriga a mirar nos adentros. O cadro que enche a mirada de cores, preguntas e formas non é inútil. O relato dos descubrimentos que axudaron á Humanidade describen uns inicios de dúbidas e aparente inutilidade. Espidas de intencións prácticas, as investigacións científicas teóricas parecían inútiles.

O homo oeconomicus semella estar entregado a acumular euros e poder. Pero, estámolo a ver, o éxito humano non pode estar nas grandes estafas, empresarios corruptores e políticos corrompidos, futbolistas con soldos delincuentes, xigantescas corporacións que gañando tanto cotizan tan pouco, na lista Forbes. Son outras, outros os que fixeron avanzar a Humanidade polos camiños da mellor humanidade.

A felicidade tamén é útil e está nos xestos cotiás, nas cousas veciñas. Na beleza sen prezo que vive ao redor: a eclosión dunha flor, a quentura dunha aperta, as folerpas de neve, o sorriso dun vello, os millóns de estrelas que encenden a noite, a música nos caneiros, o sincopado voo das bolboretas, o lenzo sen dono das paisaxes.

'Se non comprendemos a utilidade do inútil, ou a inutilidade do útil, non entenderemos a arte’. Non podemos deixar que o gratuíto esmoreza. Nin renunciar á infinita forza do inútil. As columnas que sosteñen a Humanidade non son só as do beneficio. Só así decatarémonos que o bo sempre é mellor que o útil.

La utilidad de lo inútil éche un oxímoron, un manifesto a favor da cultura.

'La utilidad de lo inútil'
Comentarios