Opinión

Leccións apresuradas de historia

CANDO PREGUNTAS para qué serve, chegan respostas sabias dalgún historiador que sabe. E reflexionamos sobre elas. Explica que, en canto de usar sempre o microscopio para enfocar a historia nacional, tamén hai que mirar polo telescopio que escudriña o mundo desde a periferia. África, Asia, Latinoamérica, tanto tempo afastadas do embigo do mundo.

Fala das estatuas, testemuñas silenciosas. Nos séculos VII e VIII os iconoclastas destruían imaxes sagradas. Agora derrúbanse estatuas, algo que sempre se fixo ao longo da historia. Claro que se destruímos os lugares da memoria corremos o perigo de deambular por un páramo arrasado onde ninguén entende nada.

Explica que a modernidade que nos aleita construíuse desde o relato do home branco, masculino e cristiano. Agora hai miradas máis precisas. A única raza humana ten diferentes cores de pel. O xénero feminino copa a metade do mapa humano e reclama protagonismo. Infinitas relixións irmándanse nun mesmo Deus, e tanta xente allea a toda idea relixiosa.

Advirte que aínda hai quen eloxia a conquista de América, a colonización. O pasado imperial atopa un público que aplaude. E iso da votos. Non se pode volver atrás, pero tampouco esquecer a humillación dos derrotados, a violencia, a depredación.

Avisa de que a gran creación política do s.XX, a Unión Europea dos pobos, está en perigo. Atacada desde unha esquerda despistada e unha ultradereita envalentonada que conflúen na admiración dun líder forte, o zar de todas as Rusias empeñado en dividir Europa e recobrar glorias imperiais daquela tristísima URSS. 

Fala de emocións simplistas que berran Non á guerra, como se houbera quen aposte polo ardor guerreiro, a morte e a dor sempre no bando civil. O matonismo agresor ten que atopar a súa forma en Ucraína. Sen pólvora.

Rememora o envelenado recordo das dúas Españas. Daquel 23F de cor caqui a esta taracea de idiomas, historias, culturas: un tesouro de pluralidade. Pero persiste o cheiro das dúas Españas. A interesada crispación á conquista do poder, prebendas e arañeira clientelar. Si, hai un fronte de batalla nalgúns medios de comunicación claramente alineados, ¿alienados?. Tamén nas redes sociais, coas augas sucias das mentiras e do odio.

Nunha democracia tan nova é grave problema que ninguén escoite a ninguén. ¿Outra vez os dous brutáns de Goya como paradigma de imposible convivencia?

Ve, como vemos todos, que aquí e acolá medra unha ultradereita nostálxica con ampla base social de descontentos. Perigosa por antieuropeísta, antifeminista e cun patriotismo excluínte.

Vimos dunha laboriosa Transición, pouco inmaculada pero integradora. Nas mans, o edificio democrático en perpetuo axuste. Mentres con J. Casanova aprendemos leccións impagables de historia.

Comentarios