Opinión

A lectura como deber moral

OS LIBROS son ampla ventá aberta ao sol do saber, ao ar puro do coñecemento, a paisaxes de gozo e liberdade. No silencio das páxinas xorden voces que enriquecen e levan máis aló de nós mesmos. Permiten vivir outras vidas máis aló da rutina e a mediocridade que nos envolve.

Ata os ollos, sensores do cerebro, chegan infinitos pensamentos e todo un mundo de posibilidades, viaxes, periplos, odiseas que anchean os mundos individuais. Un libro. Un pouco de cartón, uns gramos de papel, unha arañeira de letras, cousiñas abondas para acender o forno do saber e as súas paixóns. 

En cada cerebro de cada persoa do sexo que sexa, vista a pel que vista, fale a lingua que fale, rece se reza, cen mil millóns de neuronas precisan o enerxético alimento das palabras. Todo se pode dicir nun libro, pero os ecos de cada libro viaxan máis lonxe que as súas páxinas. Crean outros mundos: os amplos mundos do saber, os fermosos mundos da literatura, as corredoiras intrincadas da historia, carnet de identidade do animal humano. Os libros, cada libro, todos os libros: ‘a criba da historia separa os garabanzos gordos’, dicía aquela Tereixa de Xesús que andaba noutras cousas.

A lectura é a chave mestra que abre barreiras do tempo. Para viaxar aos pasados, para percorrer os presentes. Para nos aventurar nos futuros que precisarán das súas propias palabras. A palabra, as palabras permiten unha mirada mellor, máis limpa e fonda. E que tantos intereses tentan ocultar, cambiar, envilecer. A lectura obriga a manter os ollos dolorosamente, asombrosamente abertos. Para comprender, para saber. Para que ninguén obrigue ao silencio de vivir de xeonllos.

Atrévete a ler, a saber, atrévete a pensar encirraban os filósofos do Século das Luces aló pola metade do XVII. Da man da razón, da palabra repousada. A fraxilidade dos libros transforma o efémero en eternidade. Volvemos unha e outra vez ao modelo dos clásicos onde todas as encrucilladas, todas as paixóns humanas foron descritas. Ler o que se publica agora mesmo.

Escritoras, escritores, clarividentes, ven máis lonxe. Sinalan e percorren camiños. De algo imos estar seguros: do valor da súa amizade. Do agasallo do silencio onde dialogan dúas soidades, a  do autor, a do lector. As palabras que nos habitan, ideas que nutren e compartimos son luz que acende outra luz: non nos empobrecen, iluminan máis, fannos máis ricos.

Ler todo o que cae nas mans. Na casa e fóra da casa. En calquera sala de espera. No tren, no bus, no avión. No sancta sanctorum das bibliotecas públicas. Ler contra canallas e manipuladores, ler contra as mentiras, contra as domesticadoras pantallas. Protexendo os lugares de lectura. Salvagardando os tempos de silencio. Ler como acto revolucionario de rebeldía e decencia. Como deber moral.

Comentarios