Opinión

As limpas cores do outono

ÁS PORTAS DA nova estación a luz é máis dourada. O eixe de rotación da Terra, na viaxe ao redor do sol, cambia. E cambia o grao de incidencia da luz. No amencer e á tardiña ten a douzura do ouro. Agora, cos ventos do oeste limpando a atmosfera, a luz éche máis limpa, máis nidia.

A chuvia suavizou a temperatura e mollou o mes que "seca as fontes ou rebenta as pontes". Setembro, ou cando devora os bosques o lume humano, froito da estulticia de quen se empeña en estragar e queimar a propia casa. E con ela, as árbores xenerosas. Aos paxaros e mamíferos sobrevivintes. Aos insectos, primeiro prato na paparota da vida. Tamén morren abrasados os máis diminutos e invisibles. As bacterias e a bicharada do chan do bosque. E a innúmera familia dos fungos que terman da vida. A natureza apágase cando as piromanías humanas incendian a vida. Ata que chegan as chuvias e limpan o ar, refregan a suciedade e renovan a vida. Co arrecendo a terra mollada, co verniz das cores.

O outono abre as ventás dos sentidos. Somos carne das paisaxes, propiedade social. E viaxamos no carrusel das estacións cada día máis borrosas co cambio climático. "Hai unha beleza da natureza na emigración das aves, no vaivén das mareas, no repregue das xemas preparadas para a primavera. Hai algo infinitamente reparador nos reiterados estribillos da natureza", escribe Rachel Carson. Convén reler o seu profético libro ‘La naturaleza silenciosa’, alegato contra a excesiva influencia humana sobre a vida multiforme. Alterando os ecosistemas e muxindo con voracidade os recursos do planeta.

Agora o protagonismo pertence á infinita paleta de cores da natureza. Douradas, marróns, amarelas, laranxas van vestindo as árbores autóctonas máis aló do verde tristeiro do eucalipto alleo. No laboratorio verde de cada folla, a clorofila que captaba a enerxía do sol pecha as portas e cambia de cor. En outono, as follas caducas son como as canas das árbores. Cando o frío as denude serán exposición de esculturas. As cores da outonía son aviso para os insectos. Con pouco que comer chega a hora de descansar, enterrar sementes e poñer ovos ata que esperte a primavera.

Unha fronte tras outra de ventos e chuvias cabalgarán desde o oeste. Arrincando as ramas podres. Varrendo a follasca. Arrastrarán o lixo e limparán o ar. A auga enchoupará o chan enchendo o leito dos ríos, atesourándose nos mananciais, caixas de aforro do sangue da terra.

Días de colleitas. Tempo de acougo ata que a primavera rebente outra vez as costuras da terra. Agora o milagre está entretecido de silencio e de música. A luz e as cores son os versos da natureza. Convén abrir os ollos ao asombro, á beleza caduca, gratuíta, inmorrente da nosa casa, recén pintada coas limpas cores do outono.

Comentarios