Opinión

Los muertos que vos matáis...

OS QUE morren en películas con moitos efectos especiais son mortos estéticos, cheos de cor. Os mortos das guerras reais poden ferir a sensibilidade do espectador. Dependendo do lugar do mapa, poden ser foto estarrecedora ou espectáculo con flocos de millo.

Desde o abrente da Humanidade os xinetes da apocalipse, vellos como o mundo, cabalgan sobre a morte, a fame, a guerra, a peste. Velaquí a última bestialidade da guerra incivil siria. Nenos gaseados. Xente do común sen nome. No negocio da guerra os civís poñen os mortos e os guerreiros, se morren, é por danos colaterais. Lucen no peito medallas por actos de valor das máquinas, letais á hora de destruír pobos, gasear nenos, rebentar casas. Matar.

Militares e civís. Conta o nobel Max Born que na Gran Guerra o 95% dos mortos eran militares e só un 5% civís, vítimas incidentais. Na 2ª Guerra Mundial os civís mortos foron xa o 48%. Na guerra de Corea o 84% dos mortos foron civís, e o resto, vítimas incidentais, militares. A arte da guerra escolle ben os mortos. Hoxe é un negocio, tan grande que nos hipermercados das armas os caixeiros non dan feito. Ata as guerras frías son un negocio quente para os xigantes.

"Atroz, bárbaro, inadmisible" láiase Trump da última canallada de Bachar Al Asad armado no supermercado ruso. O híper norteamericano aínda é maior: vén de vender armas por 110.000 millóns de dólares á teocracia medieval saudí que está a masacrar a poboación civil de Iemen. USA horrorízase pero acapara o 40% do presuposto militar mundial. O aumento de gasto na maquinaria de triturar civís e derrubar cidades está desbocado. No informe anual de IHS Markit, os países con exército investirán 1,38 billóns de euros en armamento. Como a civilización incivilizada é así, en 2018 aumentará o gasto en armas.

Occidente, arrepiado, afea a crueldade do ditador sirio e condena a masacre pero mantén a tope as factorías da morte. Ata o noso país, agobiado por tantas necesidades para curar, estudar, investigar ou pagar pensións, gasta o que non ten en armas. Compromete coa OTAN aumentar un 80% o gasto militar. No armamento máis urxente vai investir 10.805 millóns. Temos 381 empresas ligadas ao ramo do mandamento "Matarás!" e facturamos 7.428 millóns a países con conflitos bélicos ou violadores de dereitos humanos.

Os políticos condenan cousiñas condenables. Máis medallas nas casacas dos guerreiros. Dobran as campás polos civís mortos. Os nenos de cor azul son extras gaseados. A tensión siria eleva o prezo do crudo. Os donos do mundo calculan cantos barrís de petróleo podemos cambiar por cada cativo barril de sangue e soños que é un neno asasinado. Nas noticias seguen aparecendo fotografías de mortos que gozan de moi mala saúde.

Comentarios