Lunes. 22.10.2018 |
El tiempo
Lunes. 22.10.2018
El tiempo

As mans do barbeiro sirio

AS ANAINAS que escoitaba o fillo do barbeiro no ventre da nai, eran as do medo. E despois, os xogos e cancións infantís ían sempre na compaña de disparos, bombas, berros. E logo, silencio. Os patios de xogo, cheos de cascallos.

O pai é aparece na foto do xornal, dentro da súa barbería de Morek, na provincia siria de Hama. Corta o pelo e fala co cliente. Cables colgando, a parede con fendas advirten da guerra que non cesa.

O fillo que xoga fóra non o sabe, pero van sete anos, os mesmos que cumpre, de carnicería. 354.000 mortos. 1 millón de feridos. Entre 5 e 10 millóns de desprazados.

Na barbería non saben ben quen combate contra quen. A ditadura de Bashar al-Assad, estado islámico, milicias contra o goberno, kurdos a un lado e Turquía a outro. E Rusia e EE.UU, invitados habituais.

Recorda o barbeiro ao bebé chuchando da teta da nai, xusto cando as primeiras protestas, en marzo de 2.011, levaron á familia ao peor escenario: guerra civil entre exército gubernamental e oposición armada. Á orxía de morte e destrucción sumáronse países veciños, o delirante estado islámico e as dúas grandes potencias nucleares. Máis interesados no seu que en resolver o conflito de todos.

Os clientes da barbería de Morek analizan o conflito cada día. A saber o que está pasando. Ou cales son os intereses de cadaquén. Ou en que mans acaba o río de armamento que nace nas fábricas rusas, chinas e occidentais. Saben o que ven na pantalla: que nesta incivil guerra civil, os mortos, as bágoas, a fuxida cara a ningures, a dor e as casas rotas as poñen os seus veciños. Mentres os vendedores de dogmas sementan credos de odio. Mentres os guerreiros xogan ás batallas. Mentres os que fabrican e venden armas reparten dividendos lonxe.

Por máis que os clientes da barbería tentan establecer mapas cambiantes de coalicións, intereses, bandos enfrontados, o único certo é que a maioría do medio millón de mortos son civís. E que dunha poboación de 22 millóns, a metade tivo que fuxir. E que tres de cada catro refuxiados son nenas, nenos, mulleres. E que nun escenario cheo de feridos foron destruídos 338 centros médicos.

O poliedro da guerra siria ten infinitas caras de morte, destrución, dólares, nenos soldados, barbarie, euros, casas derrubadas, hospitais, rublos, feridos.

A barbería de Morek é un espazo de paz e de palabra. O sentidiño da xente hai tempo que tería amañado o conflito. O barbeiro que se afana sobre a cabeza dun veciño éche unha imaxe de esperanza contra Caín, contra os guerreiros, contra os mercadores da morte, contra os fanáticos, contra políticos desapiadados, contra o ditador.

Oxalá non lle falten unhas tesouras brillantes, a navalla templada con coiro. Ese falar por falar da vida que pasa. As mans incansables ao barbeiro sirio.

As mans do barbeiro sirio
Comentarios