Opinión

Mans novas para soster o planeta

GRETA THUNBERG ten 15 anos. Con gorro e coletas non os aparenta. Sostén a pancarta "Skolstrejk för Klimate". Folga escolar polo clima. "Fago isto porque aos adultos o meu futuro impórtalles unha merda". Suecia vén de soportar, con ondas de calor e incendios forestais, o verán máis caloroso en 262 anos.

Noutra esquina do mapa o exemplo de Greta sacou á rúa a 15.000 estudantes australianos para protestar contra un goberno impotente ante a desfeita climática. E vai o primeiro ministro e reclama máis aprendizaxe e menos activismo nas aulas. "Deixaremos de seren activistas cando vosoutros deixedes de ser uns merdáns". Aquí e acolá, os políticos gastan tempo e diñeiros do contribuínte nas súas liortas pero son incapaces de resolver os problemas da xente. E a impaciencia dos novos estoupa.

En outubro iniciouse en Eugene, Oregón, un xuízo contra o cambio climático. O caso Juliana v. USA, polo apelido da primeira de 21 rapaces demandantes. «O goberno, con accións que causan o cambio climático, ten violado os dereitos constitucionais dos máis novos á vida, e non protexe os recursos públicos». Saben o que todo o mundo sabe desde hai medio século: que os gases de efecto invernadoiro, e máis en USA, son a causa do cambio climático. A pesares da masiva sementeira de mentiras dos negadores, como o presidente: un tipo perigoso porque non sabe que non sabe.

É ben curioso que a loita por un futuro habitable quede nas mans máis novas. Tamén as máis limpas, tendo en conta os intereses sucios e multimillonarios dos grandes envelenadores. A folga escolar de Greta e a demanda dos 21 rapaces está a inspirar máis denuncias contra outros gobernos que non protexen a saúde dos seres vivos nin o medio ambiente. Non queren ver que cando o CO2 sature a atmósfera non teremos outro planeta para emporcallar.

Rapazas e rapaces defenden a súa herdanza. Éche a de todos pero eles pagarán o prezo máis alto. «Non hai plan B porque non temos un planeta B -di o secretario xeral da Onu-. Toca protexer o único fogar onde é posible a vida».

Xigantes como Rusia, China, Brasil e EE UU, estratéxicos para a saúde do planeta están nas mans de negadores do cambio climático. Ten razón a rapaza sueca: a Bolsonaro, Putin, Trump impórtalles unha merda: eles xa non vivirán nun planeta devastado. Poderán vivir os netos? Cando escribe que "todos cren que podemos resolver a crise do clima sen sacrificio" demostra máis sentidiño que líderes que desprezaron os acordos de Kioto e de París. Oxalá que a cumbre de Katowice, estes días en Polonia, abra os ollos a líderes Peter Pan, políticos adultescentes incapaces de asumir responsabilidades. Coa vergonza de que non son eles, son outras mans novas, infinitamente máis limpas, as que terman do planeta.