Opinión

Mapas do silencio

Aló polos 60 Rachel Carson escribía Primavera silenciosa, inquietante alegato do impacto humano sobre o planeta. Abrirá unha nova era, o Antropoceno. Décadas despois vivimos atemorizados por un virus que sempre estivo aí, ata que foi expulsado do seu nicho pola inconsciencia humana. A fin de contas este é o planeta dos virus. Levan aquí centos de millóns de anos. Os humanos actuamos como okupas dedicados con entusiasmo a queimar os mobles, malgastar enerxía, estragar a casa onde vivimos.

O acelerado deterioro da natureza indica que o planeta está enfermo. Unha soa especie, a humana, sementa de plástico os océanos. Altera o delicado equilibrio climático. Tala a xigantesca alfombra verde das selvas. E agrede con tanta voracidade os ecosistemas, que os virus acaban convertíndose en pandemias. As chamadas de atención sobre o deterioro ambiental, agresións ao medio, alteracións da natureza non parecen frear ao homo sapiens, responsable de romper o equilibrio conquistado polo planeta en millóns de anos.

Nos 60, R. Carson observou como insecticidas e herbicidas contaminaban augas, aire, terras. Xusto cando debera rebentar de vida co espírito dos bosques, cos alados habitantes das árbores, coa bicharada miúda das pradarías. É como se denudáramos a primavera do rechouchío dos paxaros, do zunido dos insectos, das cores vivas dunha natureza convertida en mapa do silencio.

Mapas do silencio vanse estendendo por Galicia onde só a Franxa Atlántica semella medrar en economía e demografía mestres o resto baldéirase condenado a ser só paisaxe. No libro Morte de Galicia, I. Dubert fala de como é o fracaso político o que baldeira a terra. Ningunha medida natalista pode reverter a pirámide de poboación se non cambian as condicións socioeconómicas que expulsan aos novos e formados.

Como dixerir noticias sobre miles aldeas que pechan, desadornándose de xente. Como non recordar aquel Preescolar na Casa que humilde pero teimundamente axudaba a vertebrar o rural. Como non tremer diante do proceso de eucaliptización, árbore alóctona que esquilma o chan e rouba as paisaxes. Como non asustarse diante da rapazada formada que marcha do país coa mochila cargada de títulos e xenreira. Como non ler con preocupación que un concello da Chaira quere pechar un dos seus dous colexios nun ataque na liña de flotación do rural co pretexto de optimizar recursos.

No medio da pandemia de virus medra a dos medos, a do silencio. Fronte ao pesimismo da realidade está a vontade de loitar, de reverter as cousas, de reescribir a historia, de recordar que todo está imbricado no mapa de vida. A vontade política e a forza da xente, os modos de ser, a maneira de falar, o xeito de ocupar o territorio son a mellor barreira contra os mapas de silencio.

Comentarios