martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

"Mirade as aves do ceo…"

"NIN SEMENTAN nin segan nin gardan no celeiro e, así e todo, Deus terma delas. Non valedes vosoutros máis?". Últimos días do verán. Entre a esperanza e os medos polos que se foron, polo inquietante futuro. Pero a vida, pugnaz, segue. "Mirade os lirios dos campos. Non se fatigan nin tecen pero nin Salomón no esplendor da súa gloria vestiu como un deles". Nin tampouco o luxo exclusivo de Gucci, de Dior, de Vuitton.

Aqueles agasallos aos humanos pertencen ao limbo do pasado. Os caprichos dos deuses están agora nas mans humanas, na acción política libre, fraterna e para iguais. E nesa ciencia fondamente humana que obriga a preguntar: a economía, para que serve se non axuda á xente?

Non hai maná que baixe gratuitamente do ceo para alimentar as flores, os paxariños humanos. Todo está nas mans do portentoso cerebro. Nin sequera é certo que teñamos máis valor que as floriñas ventureiras que brotan por millóns na gloria do sol e da herba.

O eterno ciclo da vida continúa, alleo á especie humana capaz de poñer en perigo a vida multiforme do planeta. Onde tamén colle o coronavirus que coñece ben a quen enferma, empobrece, expulsa da mesa. Recordamos aos máis febles, e por que a desigualdade afonda a fenda que separa. Pouco que esperar dos deuses. Éche función da acción humana a través da política e da economía que todos teñan cada día un prato na mesa. Mimando a natureza e repartindo con equidade os froitos da terra. Acubillados nos medos, coa esperanza certa da vacina que está a derrotar o virus, contemplamos a natureza nos seus ritmos. Agroma a vida e con ela faise evidente o cambio climático que borra as estacións intermedias e libera do seu nicho ecolóxico a este coronavirus e aos que virán. Volven os versos de W. Wordsworth: "Aínda que nada poida devolver a hora/do esplendor na herba/da gloria das flores/non hai que laiarse/porque a beleza perdura sempre no recordo..."

Quen alimenta as herbiñas, margaridas, mapoulas e carabeis das pradarías? Quen dá de comer a infinita familia alada? Quen agasalla con tanto luxo á natureza? O ar ole a limpo. Ata nós chega o rechouchío dos paxaros que celebraron as vodas da primavera, a ledicia do verán, esta fartura do outono. No mapa da vida, a especie humana non ten máis valor que as outras. Pero é ben capaz de sementar, segar, gardar nos celeiros onde a aconomía sente na mesa todos os invitados. A diferenza dos lirios, mulleres e homes traballan e tecen para que todos teñan roupa co esplendor que queira agasallar a moda.

Pechamos o libro de follas tan finas onde dorme a cita de Mt 6:26-29. Desde a ventá, todas aquelas flores da primavera. Toda a quentura do verán que se vai tempo abaixo. Todos os ouros do outono. E todas as cores e a música das aves do ceo.

"Mirade as aves do ceo…"
Comentarios
ç