Opinión

Mocidade: política ou lamentacións

OS RAPACES non escoitan aos pais. O fin do mundo non pode estar lonxe», láiase 2000 a.C o xeroglífico exipcio. "Non teño esperanza no porvir da patria se a mocidade toma o mando", lamentaba o poeta Hesíodo 758 a.C. "A mocidade ama o luxo, está mal educada… Os fillos son tiranos", din que dicía Sócrates no século V a.C. "O pai teme aos fillos, e no nome da liberdade consente todo para non aparecer como despótico", na cita de Platón. "Esta mocidade está podre…." nun vaso babilónico 300 a.C. E así, o rancor dos vellos podería encher un libro enteiro. Nesta ladaíña do desencanto, a infaltable presidenta: "Teñen todo. Fáltalles a cultura do esforzo". E tamén un escritor sobrado de testosterona: "Estamos a criar xeracións de rapaces que non están preparados para cando chegue o iceberg do Titanic". Nin unha palabra para os que estragan o clima, enchen os océanos de plástico ou maltratan a mocidade.

Esquecen que o 40% dos menores de 25 anos está no paro. Sobreviven na incertidume do medo e da ansiedade. E na loita pola vida comparten zulos carísimos tratando de comer cada día. Algúns, coa mochila chea de desesperanza, a saída que atopan é a dos aeroportos para escapar do país. "Os que teñen todo" teñen tamén traxectorias laborais demenciais. Xente preparada, investigadores con doutoramentos e pesadas carpetas de contratos temporais. Tantos sanitarios novos, humillados e maltratados.

En España a mocidade é a nova cara da pobreza. Temporalidade e salarios baixos impiden proxectos de futuro e presentes de dignidade na xeración máis preparada. Alugueiros de usura cercenan a emancipación. Como ter fillos éun luxo que non se poden permitir, non os teñen. 2022: 159.705 nacementos, marca máis baixa desde 1941.

Nas súas gaiolas confortables hai políticos que non ven a vida real. Ou converten os hemiciclos en area de gladiadores. Os despachos oficiais están lonxe das rúas. O ar acondicionado non sente a calor e na intemperie non hai termostatos. A inflación, precariedade e soldos baixos empuxan aos bancos de alimentos. Encollen o corazón esas dúas rapazas a carón dos contedores do supermercado antes do peche para coller produtos caducados.

¿Que imaxe teñen da mocidade presidentas autonómicas, escritores amargados pola idade? ¿Deambularán con Rubén Darío polo solemne bacharelato?: "Xuventude, tesouro divino/vas para nunca volver". Os lamentos sempre estiveron aí. Nostalxia por Idades de Oro que nunca existiron. Palabras terribles do sociólogo sobre o futuro de sociedades envellecidas, "cheas de xente maior, falando de cousas antigas en casas vellas". Iso, ou políticas para enfrontar retos económicos e desafíos sociais dun mundo cambiante. Si, para ser novo hai que ter moitísimo valor. ¿Política ou lamentacións?

Comentarios