Opinión

Mocidade, profesión de risco

DENTRO DE nada, en 2.031, Galicia terá 350.000 fogares cun só habitante. Vello, según o INE. Perderemos, para ese ano, outro cuarto de millón de habitantes. Galicia Baldeira. Envellecemento da poboación, aumento da mortalidade, menor natalidade, emigración dos novos, que non atopan aquí oportunidades laborais. Un bucle maldito? Velaquí a Galicia incomprensible, un país de vellos que expulsa aos novos.

O IGE, estatística galega, conta que o 24% da poboación ten máis de 65 anos. E que só nos últimos 7 anos esa porcentaxe medrou en tres puntos. A fenda, en canto idade, cada día é maior entre a Galicia Baldeira e a Galicia Costeira.

Un informe recente de Abanca conta que temos 1,44 cotizantes por cada pensionista, fronte aos 2,06 no resto do Estado. Así non resulta estraño que en Galicia un de cada catro habitantes perciba pensión, en España un 18%. No rural, a veciñanza, familia grande, próxima, necesaria, esmorece. Suceden noticias que estremecen: alguén morre e pasan días sen que ninguén se entere.

Con seguridade os políticos son conscientes desta realidade demográfica, do mercado laboral, da fuxida da mocidade. Saben que o emprego medra aquí menos que no resto do Estado. Que os traballos son precarios, xeran cotizacións inferiores e desequilibran o sistema.

En España, máis en Galicia, a mocidade é a damnificada, a perdedora. Resulta suicida que cando soan con forza campás de recuperación económica, os rapaces, novos pobres, son esquecidos. Así, os menores de 29 anos só conseguen un de cada vintecinco empregos creados. Empregos temporais, a tempo parcial, mal pagados. Todo iso axuda a explicar a baixa fecundidade, sobre todo cando os novos e cualificados marchan do país. Vanse xusto na idade biolóxica de casar, de empezar unha nova vida e crear lonxe a súa familia. Unha dobre perda para Galicia: a da mocidade titulada, a dos fillos que non nacen aquí.

A sociedade, claro, ten todo o dereito a preguntarse polo traballo dos nosos políticos mentres van aparecendo como labazadas os datos dos institutos estatal e galego de estatística. Mentres golpean informes como os da banca. Pouco ou nada importan liortas dos partidos ou a loita intrapartidaria. O que máis atorda é o ruído. O máis visible é a descarnada loita polo poder, os trunfalistas comunicados de prensa.

Á falta de xente nova autóctona, medra no territorio o monocultivo do eucalipto alóctono máis resistente, calificado de perigoso. E nas noites de luar, nas noites de chuvia e néboa os xabarís pasean ocupando ocos que abandona a xente. Mesmo pasean de noite por prazas e rúas despoboadas polo día de nenos, esos sí, especie en perigo de extinción. Nun país onde a mocidade éche unha profesión de risco.

Comentarios