Opinión

'¡Mulleres, vida, liberdade!': Irán

O BERRO DA pancarta enmarca a foto da rapaza morta pola Policía da Moral. O nome semella sacado da novela de Orwell: a Policía do Pensamento que arrestaba por pensar. Algo contra as consignas do Partido. O NKVD estalinista foi antecedente cercano. Os dogmas non toleran desviacións. Nin heterodoxias. Tamén o sufrimos aquí, na ditadura. E antes, no integrismo relixioso basamento do absolutismo daquel Fernando VII: “¡Lonxe de nós, señor, a funesta manía de pensar! Resulta inconcibible que esté a pasar no século XXI no Irán dos aiatolás. Daquel Jomeini a este Jamenei. ¿Quen se pode opoñer a un poder que nace da vontade divina?

Nas rúas as mulleres arrincan o símbolo de opresión que é o velo e cortan o pelo. Tentan liberarse do cárcere de tea que encerra o corpo feminino. En Afganistán, o veciño do leste, as mulleres son ariete contra a satrapía teocrática que condena á infelicidade e á pobreza. Agora Irán: mulleres esixindo liberdade.

A primeira en desafiar aos clérigos foi Vida Novadad. Chea de carraxe e medo arrincou o velo símbolo de submisión. Ató o hiyab nun pao para axitalo en silencio. O xesto converteuse en icona contra o velo imposto. Acabou na cadea. Ch. Amanpour, xornalista exiliada, recorda que a lei non protexe á muller. Non pode saír do país. Nin entrar nun estadio. Nin casar sen permiso do varón. Asasinadas, o castigo ao home é mínimo.

Aínda lemos fascinados ‘1984’, a distopía de George Orwell. O Corán non é unha distopía nin ampara aos cregos iraníes que tentan silenciar á sociedade. O 16-IX, Masha Amini foi detida pola Policía da Moral por levar mal o velo. Na cela acabou morta: de infarto, como acostuman morrer os presos das ditaduras. Ameazada polos ventos femininos que reclaman democracia e dignidade, a teocracia medieval multiplica a represión. E como toda ditadura organiza manifestacións de adhesión. Máis de 76 mortos e moitos centos de feridos despois, a crueldade dos cregos esixe máis dureza.

O velo mal posto dunha rapaza de 22 anos foi a espoleta do malestar dun país con 85 millóns de habitantes, 12 millóns deles sen traballo. Tamén no paro o 45% dos titulados. ¿Como apagar o clamor de décadas de represión e corrupción dun réxime que goberna con man de ferro desde 1979? Agora as mulleres érguense contra unha ditadura medieval allea ao mundo moderno, dereitos humanos e valores democráticos.

Irán, no corazón das tebras, golpea e invisibiliza á metade feminina. Afundíndose na pobreza e na ditadura duns poucos que impoñen o seu credo de crueldade. Nin lategazos, multas, detencións, palizas, insultos e mortes son capaces de deter a mulleres e homes fartos. Contra os integristas barbados, o rostro e o cabelo libre das mulleres. E pancartas que non esquecen a Masha Amini: ‘¡Mulleres, vida, liberdade!’.

Comentarios