Opinión

Música civilizada contra bárbaras bombas

A música non detén as bombas. Non conmove a gánsteres nin matóns. É fermosa conquista de civilización e humanidade. Por iso, a Orquestra Sinfónica da Kiev asediada, co seu director Herman Makarenko, ofreceu un emocionante concerto na praza de Maidán. Os músicos non levan traxe de gala. O frío impon gorros de la no día 14 da guerra absurda.

A Orquestra, recoñecida dentro e fóra de Ucraína, xa ten vinte anos de historia. Kiev, con 1.500 anos de historia enfróntase á destrucción. Edificar unha cidade costa séculos, uns poucos días abondan para destruila arrasando casas e vidas de tres millóns de persoas.

Contra a destrución da pólvora, a forza creadora a música. Violíns, clarinetes, saxos, oboes nunha desigual loita contra tanques, misís e ferralla coa que disimulan a cobiza os canallas. Mortos de tristura interpretan a Oda á alegría, o himno de Europa, un SOS pola paz contra o Atila do Kremlin.

A música, aquí e sempre, expande o doce arrecendo da liberdade. Por iso soa subversiva nos duros oídos dos autócratas. Mellor que escoitar un concerto, silencialo. Antes que cantar coralmente con Beethoven á alegría, ameazar co medo e o silencio.

E foi así que a Sinfónica de Kiev desafiou con beleza a fealdade da guerra. Empuñando a fraxilidade dos instrumentos contra o aterrador aceiro das armas nun intento de salvar a cidade. Música en pé de guerra pola paz, a civilización e a fraternidade entre veciños: a Rusia e a Ucraína da xente.

Que isto ocorra despois das dúas carnicerías mundiais do s.XX leva a pensar que a semente de Caín medra vizosa no corazón humano. Como reflicten os versos de W. Blake «A crueldade ten rostro humano.../ O terror reviste divina forma humana…». Xente da familia humana, con intelixencia e palabra comportándose como bestas desapiadadas. Fronte a eles a música reivindica o valor da cultura e da beleza, poderosos motores de fraternidade. Porque a música non mata, vive. Non desgarra, une. Non divide, irmanda. Non converte en demos, fainos definitivamente humanos.

Os arsenais da Sinfónica de Kiev non gardan balas nin pólvora, só atrís, instrumentos, partituras onde agardan pacientes Vivaldi e Tchaikovsky, Brahms, Mozart e Ravel, Haëndel e Beethoven, altísimos cumios de civilización nestes tempos de desolación e barbarie.

E mentres, fóra, cascallos e barricadas. O mal e a brutalidade contra a cidade, as vidiñas da xente. A miopía das bombas non distingue entre soldados e anciáns, nenos e embarazadas. Entre cuarteis e hospitais. Ademais de destruír buscan teimudamente aterrorizar.

As doces, estremecedoras notas da Sinfónica de Kiev respiran afanosamente o ameazado ar da liberdade. Mostran a superioridade moral das democracias sobre a tristeza da tiranía. Música civilizada contra bárbaras bombas.

Comentarios