Opinión

Os músicos melloran o mundo

Elas, eles. Ás veces teñen que aceptar unha vida errante. Como os xograres. Como os monxes errabundos dos Carmina Burana que iluminou Carl Orff.

"A música clásica xa non é elitista", di o portugués Nuno Coelho, director da Joven Orquesta Nacional de España. A calidade deste músico tan novo que reflexiona sobre o papel dunha orquestra clásica na sociedade. De como se enfrontar ao ruído, ás présas de twitter ou á efémera cultura tiktok. Música clásica para as élites e para a sociedade. Música en exquisitos auditorios de deseño. E nas escolas, austeras salas dos hospitais, nos salóns con barrotes dos cárceres, ou sen eles nas prazas públicas.

A música é linguaxe universal, pegamento social que leva cultura aos recunchos humanos, mesmo os ásperos e desfavorecidos. Esta comuñón da beleza vímola nos concertos de Nadal e na Gala de Reis da ORTVE. Música clásica e rock, da man do tenor J.M. Zapata. O público, xente do común, familias con nenos. Verdi, Mozart e AC/DC. Complicidade e doses de humor do director e cos músicos.

A música clásica ten que levar o elitismo ao conxunto social cunha clara pedagoxía. A música máis fermosa precisa de tempo, capacidade de escoita, concentración e unha mordaza aos móbiles nos concertos. Iso hai que educalo.

Os prezos non poden converter os auditorios en clubes elitistas. Aínda que un concerto de rock ou de reguetón resulta tan caro como un de música clásica. Cuestión de prioridades. O mesmo día de xaneiro no que os milmillonarios engordaban 2.500 millóns cada día, a Sinfónica de Andalucía tocaba nas rúas de Sevilla en protesta pola súa precariedade.

Reflexiona Nuno Coelho sobre música e política con palabras doutro xigante da batuta, Claudio Abbado: unha orquestra non funciona se non nos escoitamos. Tampouco funciona a orquestra política deste país se non nos escoitamos. Se os dirixentes non escoitan á xente. Se os políticos non fan pedagoxía coa sociedade. A capacidade de escoita e tolerancia co outro é a clave que falta no país. O ruído populista e os berros autoritarios non se poden impoñer á música do diálogo e á forza da palabra.

O mundo camiña ameazado por graves problemas comúns. Certo que cada sociedade e momento histórico estivo no vórtice dalgunha crise. Como tamén que este é o mellor mundo que coñeceu a historia. Non fai falta botar a vista atrás para ver o xigantesco cemiterio de cadáveres do s.XX.  A atroz desigualdade dos séculos anteriores. "A vida do home é solitaria, pobre, desagradable, brutal e corta", escribía o pesimismo de Hobbes no s.XVII

Vivimos infinitamente mellor que os avós. A música que nos fai mellores invita ao optimismo. Os músicos, co seu continuado sacrifico, coros e corais, bandas municipais ou grandes orquestras, melloran o mundo.

Comentarios