Opinión

Noite de paz

Tres frases musicais nas voces que tentan explicar interpretación, sentimentos. Unha evocadora melodía na memoria sonora que gardamos dentro. Patrimonio da Unesco, e da Humanidade, esa patria redonda de bosques e augas, paxaros, esculturas das nubes modeladas polos ventos, a neve e a néboa. Abonda con elevarse un pouco sobre a curva do planeta para non ver ningunha fronteira. Tamén é a casa de xente de boa vontade. O fogar onde arde o lume de Homero, Mozart, tamén Auschwitz. Crebacabezas de beleza, odios, bondade. O tempo feliz de Nadal é lugar de reencontros, tamén desgarros. Días dolorosos de ausencias.

Na reportaxe, voces xudeas, cristiás, musulmás. Só voces que entoan Stille Nacht, Silent Night, Noite de paz, Noche de paz en máis de trescentos idiomas. A fermosa panxoliña tamén se converte en melodía irritante nos templos do consumo exacerbado, en ruído na esmorga de luces das rúas.

En 1914 silenciou as bombas e foi quen de reunir nunha coral única a inimigos. Carne nova despezándose na liorta mundial de vellos crueis. Os desexos de paz soaron en terra de ninguén. Pouco durou.

A música é imprescindible, tan humana que non agacha problemas. Non silencia bombas nin disimula crimes de guerra que apagan a luz e rouban a calor estes días en Ucraína. Drons e mísiles non se collen da man nin cantan xuntos panxoliñas de fraternidade.

Acompañada cunha guitarra, cunha fastosa sinfónica, ou coas voces dunha coral multitudinaria Stille Nach seguirá soando. Seguirá soñando. Pódese confundir cunha pílula azucrada de bos sentimentos ou cun recordatorio de que o anhelo de paz é lume que convén manter aceso.

O nadal significa moito para moitos. Significa nada para moitos tamén. Cantada, esquecida, escoitada, sons que pertencen á familia humana. Noite de paz nun mundo escuro, con moitas fendas entre xentes ás veces máis preocupadas en afiar coitelos que en crear lazos. Entre o desencanto de problemas que angustian e a fartura de comida e bebida acaparada por poucos, nalgún recuncho soará a fermosa melodía recordando que somos mellor do que aparentamos. Que nas mulleres, nos homes hai sempre máis cousas dignas de admiración que de desprezo, di A. Camus.

Noite de familia. Noite de soidades. Noite de encabronamento e de quentura humana. Neste decembro de 2022 que xa foxe tempo abaixo.

Comentarios