jueves. 17.10.2019 |
El tiempo
jueves. 17.10.2019
El tiempo

O lobo do conto

O pastorciño berraba: que vén o lobo! E os pastores corrían cos cans, paos e coitelos a defender a facenda. Éche unha broma! Que vén o lobo!, volvía a berrar. E volta ás carreiras e ao medo. Éche unha broma! E medraba a xenreira contra o rapaz: coas cousas de comer e do vivir non se xoga! Que vén o lobo!, berrou arrepiado ante a manda de lobos que, agora si, atacaba o rabaño. Pero xa non houbo carreiras, nin fouces para defender as ovellas, nin aguilladas mentres as feras esgazaban os años.

Outras mandas de lobos ameazan Europa. O comisario da cousa económica avisa de que partidos de extrema dereita ameazan a democracia europea. O comisario Mostovici non é un pastorciño bromista. Defende que a idea de Europa éche unha necesidade absoluta para os europeos e para o mundo enteiro. Desde a Onu, Adama Dieng tamén ve sinais dos anos 30 e alerta do rexurdimento dos extremismos e do odio.

Na mesa con máis poder do mundo foron copando os asentos tipos como Trump, Bolsonaro, Modi, Salvini, Putin, Erdogán. Nese embigo do mundo, o G20, importa pouco o destino compartido da familia humana, dos outros seres vivos e a saúde do planeta. O pastorciño alerta de que o lobo está dentro do curral. Ninguén ten gana de bromas cando albisca no futuro outra vez a Europa rota e enfrontada do pasado. Protagonizou o cainita e sanguinario século XX onde mandas de lobos tentaron e case conseguiron masacrar o planeta enteiro e mesmo a idea da democracia.

A sueca Annie Lööf, xefa do centro rompeu o bloque conservador para crear un cordón sanitario contra extrema dereita. Non pasa aquí. Os partidos conservadores non son capaces de resistir os oubeos do extremismo e defender o curro cun valado democrático. Diante desa ameaza, o medo ao lobo late en políticos, intelectuais e xente do común chamando a votar fronte as mentiras e a resistir contra os cairos do odio. Alertan contra os depredadores que tentan "acabar coa liberdade, a igualdade, a xustiza e a bondade, como valores dun progreso que non se pode axeonllar diante da mentira, o racismo, o machismo e a cobiza". Asusta que os lobos poidan acabar con dereitos e liberdades que costaron tanta dor, tantos anos de loita.

Os pastores políticos da España real, moderna, europea e decente teñen que mobilizarse contra o pastorciño das mentiras reaccionarias que atentan contra a democracia. E tentan crear unha realidade virtual manipulando conciencias e sementando odio coa inestimable axuda de algoritmos, bots, medos irracionais ao diferente e fake news.

Non somos un rabaño de ovellas e años. Somos unha sociedade de mulleres e homes co imperativo político e moral de defenderse de lobos manipuladores, da tribalización e dos extremismos. E da demagoxia do pastorciño mentireiro que pensaba que os lobos só viven nos contos.

O lobo do conto
Comentarios