Opinión

O milagre na Exposición Micolóxica

CADA ANO por estas datas, a Sociedade Micolóxica Lucus monta en Lugo a mellor exposición de cogomelos de Galicia. Desta volta, a dezaséis.

A exposición é froito da fe dos seus membros: este ano de seca terrible puxeron diante dos nosos ollos duascentas sete especies. Porque Galicia non parece Galicia. O outono segue a ser verán e os temporais de chuvia e vento non asoman polo sudoeste. A Galicia Verde é de cor ocre e no País dos Mil Ríos a auga non canta nos caneiros.

E sen embargo segue a haber cogomelos. Deus sabe os traballiños e quilómetros percorridos por estas mulleres e homes teimundos para atopalos. Per aí están, nos alicerces da vida, comendo vida para alimentar vida, facendo caladamente o seu traballo, imprescindibles nos ciclos da natureza. A pesar de que a presión dos seres humanos sobre o medio é tan grande que se empeza a falar dunha nova era, o Antropoceno. Case con bágoas, recorda un dos organizadores as miles de hectáreas queimadas, a paisaxe negra en Cervantes. Ata pensaron colocar unha mesa cuberta só con cinzas, sen cogomelos, para alertar sobre a traxedia do lume. Pero lonxe do pesimismo teñen fe na prodixiosa capacidade de recuperación da nai natureza corrixindo as desfeitas humanas se lle damos unha oportunidade.

No Colexio Público Rosalía, colaborador habitual e cuns alumnos comprometidos coa Exposición, outra vez unha magnífica colección nas mesas expositoras, froito do esforzo dos socios contra condicións climatolóxicas adversas. E con membros expertos da Sociedade atendendo, explicando, contestando preguntas. Como Julián Alonso, o presidente, que vive, ensina e traballa en Lugo, pero a súa proxección no campo da micoloxía vai máis aló de Galicia. Con el, con elas, con eles aprendemos un pouquiño máis destes gnomos misteriosos que entretecen na terra o calidoscopio da vida. Infinitamente pacientes, están aí á espera da chuvia, da humidade morna que permita a explosión de formas, e olores, e sabores, e cores dos fungos.

Paseamos entre expositores. Cada cogomelo ten ficha identificativa co nome científico, xénero, especie, sinónimo e nome popular, hábitat. Un código de cores alerta sobre a súa toxicidade ou se é comestible ou non.

Admiramos tamén a exposición fotográfica: catro grandes paneis con dezaséis fotos cada un con exemplares perfectamente identificados. Hai zona actividades lúdicas para a rapazada, e mesmo un microscopio para observar de moi cerca a estes seres creadores do medio, testemuñas do cambio climático e do deterioro dos ecosistemas. Tamén son seres agradecidos cos que respectan o medio, con estes coidadores da natureza que puxeron diante dos ollos de tantos, unha vez máis, a XVI Exposición de Cogomelos. Este ano, un milagre.

Comentarios