Opinión

O piano e o share

Inventado aló polo 1700, é instrumento de teclado da familia da corda percudida. Share en televisión é a porcentaxe de audiencia dun programa. A principios deste agosto emitiuse pola TVE2 desde Santander o XX Concurso Internacional de Piano, un dos máis prestixiosos. Á mesma hora unha cadea con audiencias millonarias emitía Sálvame Sandía, e antes Sálvame Naranja, e antes Sálvame Limón sobre as nadas da farándula prescindible. Velaquí o milagre de encher a grella cun único programa. 

Critícase a minguada audiencia da televisión pública, obrigada a un share minoritario e intelixente. Entre o piano e cotilleos banais, entre os pianistas e celebrities, non hai discusión: gaña Sálvame. Nos platós barateiros pululan chismes e trapallos, escándalos sexuais e infidelidades inventadas e ben pagadas. No outro plató, o do Palacio dos Festivais de Cantabria, o director Pablo González dirixe con temperanza a Orquestra da Radiotelevisón Española. Os finalistas son virtuosos tan novos no planeta da música. Falan destes días. De como aprenden dos outros. De que este concurso ensina a traballar máis e esperar menos. Entre eles hai un checo, un canadiano, chineses e xaponeses. A hexemonía oriental din que pode ser pola dura disciplina educativa chinesa. Ou polo plus de silencio interior e concentración das filosofías orientais. Talvez sexan só números: en China hai corenta millóns de estudantes de piano. 

Nestes concursos de altísimo nivel fálase de retos, de excelencia, de aposta pola calidade. Pensar no trunfo descentra e vai en contra da música, pero hai suculentos premios, gravacións e concertos con orquestras de primeiro nivel. 

Hai moitas músicas. O País da Música é inabarcable. O xigante Fito en San Mamés hai poucas datas. Está Rosalía arrasadora. Están as nosas Tanxugueiras coa portentosa noticia da música galega universal. Unha lexión de xente nova con talento. Desta volta, en Santander, a busca da excelencia pasa por outros ídolos imprescindibles: Brahms e Prokófiev, Chaikovski, Bartók e Rachmaninov. Porque a música é linguaxe que nos comunica, cultura democrática e popular, menú cotiá e non degustación para exquisitos. Tamén a clásica, modelo inexgotable que se reinventa en cada concerto. O camiño do éxito e dos fracasos vén empedrado de sangue, suor e bágoas. Nun mundo que precisa máis silencio e menos ruído, escoita e non berros. 

A sementeira de décadas televisivas con caspa e urea está a producir unha colleita de shares millonarios. Lonxe do que conquista o talento e a disciplina con anos de traballo e soidade fronte ao teclado. O share descarnado pesa á hora da peor política ou de pagar publicidade. A música, imprescindible, fainos mellores. E só o share intelixente, aínda que minoritario, ilumina a sociedade.

Comentarios