Opinión

O tempo lento dos xigantes

Dos xigantes xenerosos. Das árbores que dan tanto a cambio de pouco. A. Proulx en El bosque infinito conta a epopea de cobiza de varias xeracións adicadas á tala das árbores na América dos bosques ilimitados. Bo resumo da implacable destrución da natureza polo home. Unha civilización depredadora e unha natureza minguante.

Chegan, cada vez máis frecuentes, ondadas de calor. E como negras aves migrantes, os incendios. Nas secas medran os pirómanos e o negocio do lume. E máis onde apostamos polo monocultivo dunha especie alóctona que ama as présas, o eucalipto. Aos incendios hai que engadir outros inimigos dos xigantes de tempo lento: emisións de efecto invernadoiro e acumulación de gases tóxicos na delgada membrana onde se desenvolve a vida, a atmósfera.

O quentamento do planeta disminúe a esperanza de vida das árbores, dos bosques, das selvas. Semellan ecosistemas inesgotables, pero son fráxiles. Así o demostran os satélites, testemuñas das quemas e talas na Amazonía para producir carne. A televisión mostra a terra seca, indíxenas orfos de territorio, soia rápida para penso contra o tempo lento das árbores. A deforestación acelerada dos ecosistemas amazónicos deixa sen auga as grandes cidades. Secan os enormes ríos voadores que se alimentan da transpiración das  arbores da selva máis grande e ameazada do planeta. Máis de medio billón de árbores crean fluxos aéreos de vapor que percorre miles de quilómetros. A selva éche un xigantesco aspersor de vapor, ar húmido que transporta a chuvia ata ser absorbida pola terra. Agora sabemos que os bosques tropicais son pezas indispensables, sumidoiros no ciclo global do carbono. A saúde das árbores éche un indicador fiable do bo funcionamento dos ecosistemas.

Cada árbore éche un tesouro, un escudo protector, un aliado contra o cambio climático. Pero os bosques boreais infinitos que describía Annie Proulx teñen data de caducidade. En Queensland, Australia, sinalan que a esperanza de vida das árbores disminuíu á metade nos últimos 35 anos. Os xigantes, abatidos, morren antes do que lles corresponde. O ecólogo D. Bauman anota: ‘Ser árbore é ser lento, estratexia evolutiva que lles permite sobrevivir aos cambios do entorno’. A saúde forestal reséntese cando se acumulan cambios traumáticos: secas, patóxenos, gases de efecto invernadoiro, motoserras. E lumes que abren estes días as portas do infierno e asasinan aos mellores dos nosos: as árbores.

Neste mes de xullo de termómetros atolados os urbanistas resaltan o papel das árbores na cidade. Beneficios estéticos e control de temperaturas. As árbores son a mellor veciñanza na cidade, un tesouro a protexer. Sen eles son invivibles, fornos de asfalto. O tempo lento das árbores éche a mellor garantía contra o tempo efémero dos humanos.

Comentarios