martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Os ollos verdes da nena afgá

 A foto foi portada na revista National Geographic. O fermoso rostro dunha nena afgá de ollos verdes, fotografada con doce anos por S. McCurry no campo de refuxiados de Nagir Bagh en 1989. Anos despois a revista conseguiu localizala, xa muller avellentada, comparando o iris dos ollos.

Hoxe non podería atopala. A relixión cruel de clérigos machos e sombríos vela o rostro das mulleres invisibilizadas ao servizo dos que impoñen a súa ditadura relixiosa e civil con látegos, coitelos e kalashnikov.

Veñen de apoderarse do país sen disparar un tiro. Talibáns, estudantes relixiosos, cara visible da facción relixiosa inhumana e medieval que non pode representar ao islam.

Cómpre recordar a estes matóns, donos dun credo cruel e triste, que elas son mulleres. Que teñen dereitos humanos e non divinos. Que queren traballar, estudar e participar en política.

Que son a metade da poboación e, con seguridade, máis da metade do cerebro humano. E que ningunha sociedade pode volar coa ala feminina amputada.

Saben o que ignoran os grandes estrategas. Que nas guerras os civís poñen os mortos, os humillados, os feridos, os orfos, as casas rebentadas e as bágoas. Os guerreiros de EE.UU, Otan e potencias europeas, armados ata os dentes, saíron en desbandada. Como antes o fixo aquela URSS con miles de rapaces soldados regresando a Rusia en caixas de cinc, recorda a Nobel Svetlana Alexievich.

Arrepían no aeroporto de Cabul imaxes dos que tentan fuxir dun inferno para a inmensa maioría, e paraíso para unha minoría. Para estes fanatizados medievais, inmunes ao humor, a viñeta de El Perich: "¡No maten más, por Dios! Y especialmente, ¡No maten más por Dios!".

O país da nena de ollos verdes asómase outra vez ao medo e á desesperanza. As primeiras vítimas son mulleres enfróntandose outra vez á invisibilización e ás humillacións públicas. E ven perigar conquistas políticas e sociais.

Elas, que sacrificaron tanto para conquistar espazos de liberdade estudando, traballando, participando na vida pública, no goberno. Ou no Parlamento, onde representaban o 25%.

Elas, que xa non poden rir a gargalladas, nin mostrar o rostro en público porque o espazo público volve a ser propiedade de fanáticos feos e barbados.

Elas, que estes días esconden vestidos, maquillaxe e ocultan títulos e diplomas.

Elas, que temen non poder vivir como seres humanos e teñen que soportar en público burlas e ameazas de brutáns. Co temor no corpo de que un credo medieval volva pechalas nas casas e no cárcere de tea dos burkas.

A estremecedora foto da rapaciña éche un símbolo dos refuxiados e vítimas das guerras. A nena chamábase Sharbat Gula. Míranos desde tan lonxe, desde tan cerca, de fronte. Cos seus inquietantes e fermosos ollos verdes.

Os ollos verdes da nena afgá
ç