sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Os libros denudan

VELAQUÍ, ENTRE follas, un tesouriño de silencio, un oasis no pedregoso deserto de ruído e balbordo. Refuxio indispensable cando xorden nas redes as shitstorms ou tormentas de porcallada por veces tan daniñas, tan efémeras aínda que case nunca chegan ás rúas, territorio do sentidiño da xente do común.

Os libros denúdante. A lectura, di R. Gubern, éche a comuñón entre dúas fecundas soidades, a do escritor e a do lector. O diálogo silandeiro máis limpo e cheo de verdade. Joan Margarit atopou a liberdade nunha librería. O paraíso de Borges era unha infinita biblioteca.

Sobre frases e palabras, na textura e no arrecendo do papel impreso agroman as ideas e florece a dúbida, imprescindible actividade intelectual. Obrigan a traballar ao órgano máis preguiceiro, o cerebro humano. Rompen os fríos cristais das conviccións, credos e dogmas.

Os libros denudan a pouquiños. Un e despois outro e outro, cereixas na cesta dos saberes e sentires humanos. Déixante espido para sempre. Un mar de dúbidas peta coas súas ondas contra o acantilado das certezas. E deixa os poros, as portas abertas ás ideas dos que viviron antes. Que viviron máis. Que saben máis. E que dubidaron sempre. Somos nós e somos os outros.

Os libros vacinan contra o ruído. Da man deles fuximos do balbordo, do "botellón" das redes. Axudan a desconfiar do ecosistema de berros e falta de educación de tertulias de gladiadores televisivos.

Paga a pena confiar no silencio, nas formas amables e pausadas dos que saben, dos que len e estudan. E fuxir das redes cando se converten en cloacas antisociais colonizadas polos odios máis velenosos e adolescentes. Alí procrean bandos e bandas, bandoleiros, bandadas, bandeiras e banderías. Non son da mesma familia léxica pero si variantes de virus letais para as democracias.

Lecturas. Libros. A biblioteca é o motor vivo que mobiliza o caudal de ideas en escolas, institutos, facultades. Éche o corazón quente que bombea o sangue cultural e fecundo das dúbidas. Alí, entre libros, esvaécense os credos e outros estratos da pétrea xeoloxía dos dogmas.

Mágoa que os nosos representantes e personaxes públicos non senten xuntos na biblioteca, só co silencio, para un tempo de lectura obrigatoria a carón dos adversarios. Aforrariamos o espectáculo de argumentarios, ideas fosilizadas das que se alimentan as sectas. Dos que teñen máis ideoloxía que cerebro. E malgastan o noso tempo nas tertulias televisivas. Esa falta de pedagoxía política acaba saltando á xente do común.

Sen os libros acabaremos espidos de ideas e de dúbidas. Acoirazados de certezas estancas. E unha sociedade rota, polarizada e enfrontada porque non escoita. Vacinada contra a mestura. Que non dialoga. Sen tempo para sentar a carón dos libros que denudan.

Os libros denudan