jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Os pais paralizan a cidade

SUCEDE NA NOSA cidade. Pasa en todas. Catro veces ao día quedan paralizadas polos coches á entrada e saída dos colexios. Pais hiperprotectores levan en coche aos fillos ata os centros. Coa pretensión de deixalos na mesma porta, aparcan onde poden. Onde non deben. Incumpren catro veces ao día puntos estritos do código de circulación: prohibido parar, prohibido aparcar, dobres filas, coches sobre as beirarrúas e nos pasos de peóns. Xusto os lugares máis perigosos da cidade. Xusto por onde deberan transitar os fillos. 

Esas nais, eses pais poñen en perigo aos fillos. Con seguridade moitos poderían ir andando ao colexio. Condenados ao sedentarismo, apenas se moven. Non andan nin corren. De casa ao cole, do instituto á casa. En brazos dos pais, no colo do coche. E cos coches paralizan a cidade catro veces ao día. Non estraña que un de cada catro teña sobrepeso. Medos ancentrais como o home do saco, o lobo, o sacaúntos xa non son infantís, aniñan nos medos dos pais. E xustamente eses pais, transmutados en ogros, transforman a cidade nun bosque perigoso, arrepiante. Exércitos de pais atemorizados transfórmanse en serventes dos fillos, alimentando o seu complexo de embigo: o rei da casa, a raíña do universo. 

Nun país pouco cooperativo poucos se poñen de acordo para, turnándose, levar a nenos veciños. Poucos teñen a ousadía de ensinar aos fillos a usar o transporte público. Poucos se atreven a educalos en algo tan sinxelo e saudable como ir e volver a pé. 

Hai colexios no centro, privados ou concertados pagados con cartos públicos, que son escollidos polas familias por non se sabe ben que valores. Moitos deles atentan contra a mobilidade na cidade e provocan o caos circulatorio. Valores para os fillos ou valores para os pais?. Con seguridade a falta de civismo pesa máis na educación dos menores que os valores que poidan ofertar. Por outra banda todos os centros educativos do país deben ensinar valores democráticos, constitucionais e os dereitos humanos. Todos. O resto hai que aprendelo na casa de cadaquén. 

Ademais, a presenza de nenas e nenos na rúa é fondamente pedagóxica. E ecolóxica. Pedagóxica, porque obriga a adultos e autoridades a humanizar a cidade, a mirala desde a altura dos ollos dos nenos. E ecolóxica, porque a ocupación de espazos públicos, rúas, parques e prazas expulsa da cidade e frea o matonismo do coche. A saúde ecolóxica da cidade está en relación inversa á presenza de coches nas rúas.

Si, resulta curioso e paradóxico que sexan precisamente os pais os que incumpran o código de circulación e os códigos do civismo co uso abusivo do coche. Son eles, os que catro veces ao día poñen en perigo aos fillos co caos circulatorio que provocan. E paralizan a cidade.

Os pais paralizan a cidade
Comentarios
ç