Opinión

Pablo Milanés: unha canción interminable

PODERÍA TITULARSE ¿Por qué morren os xigantes?. En Madrid, 79 anos. Cancións connosco desde tan lonxe, desde tan cedo. Crebacabezas con versos de Martí, de Nicolás Guillén. Taracea de melodías, boleros, música tradicional. Autor de ducias de cancións que acompañaron, acompañarán mentres amemos a música deste home cercano e sensible. Tan noso.

Tantas veces da man de Serrat e Mercedes Sosa. Sabina e Aute. Ana Belén e Miguel Ríos. Silvio Rodríguez, Víctor Manuel. Amaya y L.E. Batallán. O cantor que amaba a illa Cuba cando amencía unha época nova. Desencanto cando se volveu gris e triste, ortodoxa e reaccionaria. Cantor que militaba no compromiso cívico e político, no compromiso do amor.

Infinitos rexistros na obra, na canción interminable de Milanés. Política e poesía. Voz alzada contra o racismo. Denuncia do machismo e da homofobia. E sempre o amor, epicentro da quentura humana.

Autor e cantautor. Bardo e trovador. Da mellor música cubana. Da Nova Troba. Versos, voz, música iluminando os días sombríos da ditadura chilena e arxentina, ao fin a ditadura cubana. Voz de denuncia, voz crítica, xamais de silencio.

Unha canción interminable feita das cancións que alfombran de beleza a memoria. La vida no vale nada ou a infinita tristeza de cantar cando outros matan. Amo esta isla, a umbilical A Habana do orgulloso cubano. Cantor en Pobre del cantor, obrigado a camiñar sobre un presente de espiñas. Yo no te pido, pero sí que pido toda a túa luz. Yo pisaré las calles nuevamente, rúas e prazas que viron o golpe de estado salvaxe. E regar con bágoas as flores polos ausentes…

Nesta canción interminable, entretecida das cancións que aprendimos a cantar de memoria, falta Yolanda. Eternamente Yolanda. Nas mesas dos amigos sempre houbo quen revivía eses versos de amor. E todas as mulleres eran Yolanda.

Faltan cancións na interminable canción de Milanés. Falta El breve espacio en que no estás. E Te quiero porque te quiero. El tiempo pasa. De qué callada manera... Todas as que regalaste, todas as que faltan.

Que a viaxe infinita tamén sexa de volta. Para que nunca acabe o temblor da beleza, o timbre da voz, o sorriso. Para que non se apague a voz poderosa, fonda e privilexiada como a súa sensibilidade poética, a tenrura da mirada, a ira diante da inxustiza, o lirismo feramente humano, os dedos acariciadores do corpo feminino da guitarra.

Con tantos xograres amigos, tantas trovadoras do amor sempre ameazado polo ruído e pola pólvora. Canción interminable nos días de ascensión e gloria, nos tempos de silencio e desencanto. Estremecemento da música que se escoita, que se canta. Para non esquecer a voz dos xigantes.  A deste Pablo Milanés, cantor inmorrente dunha canción interminable.

Comentarios