Opinión

Pai iemenita co neno morto no colo

Na foto do xornal, o pai leva deitado nos brazos ao cativiño morto. O xersei vermello do neno semella mancha de sangue. Tras deles, a paisaxe de cascallos e zombis do último bombardeo.

Iemen é difícil de situar no mapa. Éche un país non-país árabe invisible. Despedazado por unha guerra incivil onde, como en todas, os civís poñen os mortos. De 2014 a 2018 o PIB baixou de 1.407 a 793 euros. España, 25.700.

O pai leva tanta carga de dor nos brazos que non se decata da desfeita do bombardeo. Tampouco é quen de contar, un por un, os 85.000 nenos asasinados por malnutrición e cólera: todos os rostros son iguais ao do fillo. Como vai saber como se iniciou esta guerra absurda na fin do mundo. Ou que bandos e bandas guerrean. Neste totum revolutum de violencia e destrución non faltan fanatizados do estado islámico. Nin as dúas potencias rexionais: Irán e Arabia Saudita, chiíta a primeira, sunita a segunda, ou como os credos intolerantes fannos máis sanguinarios.

O pai co neno morto non coñece os señores da guerra. Nin sabe das apetencias das potencias mundiais na zona. Esta guerra esquecida importaría nada se non fora porque polo estreito de Ormuz pasa gran parte dos petroleiros do mundo. E preocupa o contaxio de grupos islámicos aluados.

O pai co neno no colo non o sabe pero vai ser un máis dos desprazados nun país que acolle 220.000 refuxiados somalís. Onde falta o máis elemental queda un chisquiño de xenerosidade co outro.

O pai camiña coa pequena ferida que xa non late no colo. Non terá máis de tres anos pero non cumprirá máis. Non ten tempo nin ganas de pensar nos catro millóns de iemenitas que fuxiron da casa desde 2015. Nin dos outros sete millóns que necesitan comida. Ou do 80% que precisa axuda para sobrevivir.

Mentres camiña polas ruínas do bombardeo non pode pensar na veciña e agresora Arabia Saudita que, cunha riqueza infinitamente superior, a única axuda que envía son avións con bombas.

Iemen vén de entrar no sexto ano de guerra, abusos de faccións sobre a poboación civil, crimes contra a humanidade, violacións dos dereitos humanos. Nin se percata de que o contador da morte vai por 250.000 vítimas dos dous xinetes da apocalipse: combates e crise humanitaria. Só ese cuarto de millón de mortos coñeceu a fin da guerra.

Tampouco pregunta pola Onu: "Nós, os pobos todos da terra..." ninguneada polo club dos países poderosos. Creada para atender necesidades e solucionar conflitos da familia humana, en Iemen é un fracaso.

Vai o home tan ensumido na dor do fillo morto que non preguntamos que foi da muller, dos outros fillos. Que foi da casa, do pan, dos animais, do alxibe da auga. Todo iso xa non ten importancia. O único que existe é este neno. Tan cativiño. Co xersei vermello. Morto no berce do colo do pai.

Comentarios