COMO BENESTAR ten ar de privilexio, hai quen di estado social, patrimonio de todos. Seguridade, educación, pensións, sanidade. Públicas. Patas imprescindibles nunha sociedade vertebrada. Con elas a xente do común soporta precariedade laboral, fillos no paro, futuro turbio.
O estado do benestar naceu dos cascallos da II Guerra Mundial para protexer ás xentes das intemperies da destrucción, da miseria. A mellor Europa, a de hoxe, reconstruíase sobre cinzas. Respostas socialdemócratas deron esperanzas a millóns de persoas camiño da igualdade. Ata que nos 80 outra forma de entender sociedade e economía chegou das mans do neoliberalismo económico e os seus profetas, Thatcher e Reagan. Predicaban un Estado mínimo. Dicían que o público era ineficente. Que a función pública era refuxio de perdedores. Empezouse a falar de novos mesías: emprendedores capaces de construír soños económicos e cambiar o mundo desde un garaxe californiano. Nova relixión, novos dogmas: desregulación económica, privatización do público e fin do estado do benestar.
A crise xibarizou ás policías. Pecharon cuarteis da garda civil: outra labazada nas meixelas do rural. Quen queira seguridade que a pague. O medo compra alarmas: "Ayer robaron en el chalet de mi vecina". Só a parvos con acné ideolóxico molesta a presenza da policía.
Das pensións sabemos máis: caixón de xastre onde non todas poden ser tratadas igual. Detrás, o gran negocio dos plans privados. A bolsa das pensións baldeirouse: malas noticias para os que sobreviviron nos anos duros da crise agarrados aos tetos da pensión do avó. O mundo ao revés: vellos termando das familias de netos titulados e no paro. Ter fillos é un luxo que moitos non se poden permitir, para escándalo de demógrafos obrigados a debuxar pirámides de poboación en forma de trompo.
Educación, caxato da igualdade, é outro campo ameazado. Aquí e acolá naceron infinitos chiringuitos universitarios privados. Preocupante é o medre do chamado ensino concertado, sen parangón en Europa e, ás veces, clasismo privado pagado con cartos públicos.
Outra pata en perigo é a sanidade pública. Estes días mostra o malestar nas Urxencias de Santiago, na Atención Primaria de Vigo: non poden máis. Soportou as poutas do negocio privado en Valencia, en Madrid, con apóstoles das privatizacións que frearía a heroica Marea Branca. A sanidade pública, eficiente, con excelentísimos profesionais, é a mellor do mundo. Nela vai a vida e cómpre defendela.
Nestes catro campos, de sempre servizo público, hai tanto presuposto que espertou o apetito pantagruélico e a cobiza do negocio privado. E chama a atención que sexan servidores da cousa pública os primeiros en apuntarse con entusiasmo para romper as patas do estado do benestar.