Opinión

As patrias dos bivalvos

Bivalvo: molusco co corpo protexido por dúas pezas ou valvas. Moitos países están formados por dúas valvas políticas. Ás veces unidas. Outras, rompen e separan, e cada cuncha social queda illada.

EE.UU. roto en dous. Republicanos e demócratas. Seareiros daquel Trump, e os outros. Nativistas e forasteiros. WASP e asiáticos, latinos, negros. A costa este, a costa oeste cosmopolitas, e os hillbillies e rednecks da América profunda. Os cartos como poderosa fenda social. EE.UU. bivalvos. Dúas cunchas enfrontadas.

Pasa en Colombia. Ou en Bolivia, con máis golpes de estado que anos de historia, ata a estabilidade cun presidente indíxena. Dúas Bolivias enfrontadas. Nalgún momento chegouse a pensar na división en dúas nacións: a do oriente e a dos bolitas andinos. A Bolivia rica e próspera e a indíxena e empobrecida. Dúas valvas separadas.

Velaí o noso veciño bivalvo: a Italia do norte e a Italia do sur, dous mundos. O norte rico, e o sur con índices de paro e pobreza moi superiores á media, terra ben estercada para os populismos dos Berlusconi e Salvini de sempre. Valva italiana rica no norte, valva pobre no sur onde a cidadanía sempre se sentiu marxinada. Dúas Italias fracturadas. Aquel norte onde o histórico capo corrupto, fundador da Liga Norte berraba: "Roma, ladroa!" para apuntalar o dereito a decidir da rica "Padania".

Alemaña, ou a desigualdade noutro país bivalvo que loita con intelixencia política contra a fractura social. Tamén esta potencia económica, motor europeo, vive unha crecente polarización onde o 10% máis ricos posúe o 60% da riqueza. A envidiable Alemaña tamén é un país bivalvo, cunha crecente fenda entra as dúas valvas sociais que a converte nun dos países máis desiguais de Europa. Reclamará a rica Baviera o seu dereito á autodeterminación dos ossis pobres da zona oriental?

España, país históricamente bivalvo. Volven aquelas dúas Españas que xeaban o corazón de Machado. Unha delas tenta monopolizar a idea e símbolos da nación. Cunha bandeira tan venerada como odiada. España é outro país fracturado: valvas ricas que reclaman o seu dereito a decidir e a autodeterminarse das valvas baldeiras e pobres. A España chea de economía e demografía fronte as Españas baldeiradas.

Mais, como poderá sobrevivir o molusco, o músculo da nación coas valvas separadas, coas cunchas rotas sen o pegamento do acordo político e da solidariedade? Ao final, as valvas, separadas e fragmentadas, son desmenuzadas polos ventos políticos e as mareas sociais que marcan os camiños da historia. Daquela só queda area mesturada de odios raciais, relixións que só son dogmas, peles de cores diferentes, xente con moitos cartos ou sen cartos, medo ao outro no inmenso areal que conforma a patria dos bivalvos.

Comentarios