Opinión

A pesca milagrosa nas redes sociais

E FORON, e seguiron o seu consello, e atraparon 153 peixes ben contados e de bo tamaño (Jn 21:11). Agora, a pesca industrial das factorías flotantes pescan tanto que están a baldeirar o mar. Hai desertos amarelos, desertos brancos e o deserto azul dos mares onde cada a ano a vida é máis escasa.

Fálase agora doutra pesca con outro tipo de rede. As redes sociais que atrapan cardumes humanos. Concibidas como abrazo dixital planetario para conectar persoas, compartir ideas, multiplicar coñecementos. Convertéronse tamén nun perigo, arañeira que atrapa se non nos percatamos de que ordenadores, móbiles, táblets só son máquinas. Nós somos moito máis. No poderoso cerebro medra o pensamento entretecido de ideas, imaxinación, emocións. Tamén de imprescindible silencio e soidade. "Con mis soledades voy/de mis soledades vengo/que para andar conmigo/me bastan mis pensamientos" canta Lope de Vega. E resume Hanna Arendt: "O pensamente éche a capacidade para se facer compaña un mesmo". Pero todo iso non é posible cando se consumen en grandes doses de pantallas, cando non se goza delas dietéticamente. Cando converten en masa. 

Por iso convén reivindicar ao individuo contra a uniformadora conduta de colmea en internet. Onde a publicidade e os algoritmos destrúen a individualidade. Onde as sereas reclaman a atención de pobres Ulises maniatados por unha infinita oferta en bucle de titulares, vídeos, noticias, fake news que colonizan o tempo. Velaí unha revolución pendente: apagar o móbil algunhas horas no día. Somos ben capaces de camiñar pola vida sen esa sambesuga dixital pegada aos ollos, aos oídos, á pel.

Apagar o móbil para que non nos engaiole a canción das sereas, para non estar dispoñibles 24 horas ao día. Só os escravos están sempre pendentes das demandas dos señores. Nós, seres libres, non somos escravos nin persoal de servizo dos donos dixitais. Non somos cardumes de peixes que comen, pensan o mesmo e nadan xuntos na dirección que impoñen as redes, nas que quedamos atrapados. Onde todos os perfís se parecen. Onde todos os bambeos de TikTok son iguais. E todos os zascas papan o mesmo odio. As redes obrigan a mirar para fóra, nunca adentro. Atrapados na arañeira das redes non nos percatamos de que quen controla redes e medios controla os medos, consumo e apetencias, a cegueira e os votos.

Coas redes chegamos máis rápido e máis lonxe. Vemos máis pero se quedamos atrapados non nos movemos. Só miramos cerca, nunca vemos dentro. Nas redes non hai ningún milagre. Hai posibilidades infinitas, e tamén un xigantesco negocio de pesca, de manipulación, de domesticación. Ou domeñamos as redes ou acabamos formando parte deses 153 peixes da pesca milagreira das redes sociais.

Comentarios