Opinión

Precarios económicos, orfos políticos

AÍNDA QUE semella un dos traballos de Hércules hai quen consegue participar en política, militar no sindicato, colaborar nunha asociación. Mesmo desde unha situacion de precariedade. Pero a maioría non son Hércules, e sectores da cidadanía como a mocidade, inquietante clase ameazada de pobreza, afástase da política. Nada do contrato social anima a participar. Poucos escoitaron o benintencionado discurso do rei, as soflamas para crentes dun tal Torra en estado de delirio.

Tiña que pasar: nas zonas coa economía arrasada e demografía envellecida, escóitase con simpatía o engaiolante canto de serea ou a frauta máxica dos Trump, Salvini, Bolsonaro, do Brexit, dos que cambian a lenta cocción da política pola variña máxica do milagre. A realidade acaba espindo aos vendedores do bálsamo de Fierabrás, deixando pousos de furia e desesperanza.

A robotización e a automatización expulsan a millóns de traballadores do suor coñecido. Case non se pode falar de economías nacionais. A globalización está cambiando de lugar o embigo do mundo. Ofrece oportunidades pero esixe unha grande e continua capacidade de adaptación. Hai gañadores e perdedores como ocorre en cada cambio, en cada crise. Así, despois da desapiadada fractura da 2ª Guerra Mundial, os estados europeos foron quen de crear estados de benestar. Agora, o mercado pode ser global, pero a xente tenta vivir nos pobos, países, na súa casiña sen seren arrasados por procesos que non comprenden nin poden enfrontar. Co tsunami da Gran Recesión, os expulsados á intemperie agárranse ao cravo ardendo de partidos nos bordos do sistema político e da democracia. Acolá, e agora aquí.

Se o poder político non quere acabar illado en parlamentos ou consellos de ministros defendidos con barricadas de policías, terán que propoñer un novo contrato social. E iso significa un reparto da riqueza máis xusto. Só critican o volume de gasto social os que comen un volume excesivo de pan.

Sindicatos e partidos de esquerda sempre se encargaron das demandas os desfavorecidos pero hoxe esmorecen ante a indiferencia e o abandono da cidadanía. Hai zonas e barrios obreiros nos brazos de salvapatrias e populistas. Os perdedores económicos tamén son perdedores políticos. Sobreviven fóra da economía e afastados dunha política que non lles representa nin protexe de brutais cambios económicos que só favorecen a unha inmensa minoría. Os que dominan o planeta collen nun autobús, e cada ano precisan dun máis pequeno.

Precarios, prescindibles. Cando se decatan de que non teñen nada que perder, donos do ruído e da furia, vólvense perigosos para o ecosistema dos poderes. Ou como recorda El Roto: Los derrotados somos invencibles. E son máis, moitísimos máis. Precarios económicos, orfos políticos.

Comentarios