domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Primavera silenciosa

Camiñando pola primavera do 2021, o planeta enteiro, atemorizado por un virus, semella un mapa de silencio e de vida, de esperanza e de medo. A imaxe rememora a lectura do visionario libro de Rachel Carson na década dos 60, Primavera silenciosa. Entón e agora, unha chamada urxente a loitar contra o excesivo impacto humano sobre o planeta.

O profético libro de Carson reabre a preocupación polo futuro da vida. O planeta alberga ata oito millóns de especies vivas pero está ao servizo dunha soa, o homo sapiens, mulleres e homes sabios responsables do acelerado deterioro dos ecosistemas, das alteracións da natureza, o quentamento global e a ruptura dun equilibrio brutalmente agredido pola acción humana.

Primavera silenciosa éche unha conmovedora petición de axuda. Miramos ao redor. Un mundo feito só a medida humana acaba sendo inhumano cando ignora as plantas e animais que conviven connosco, compartindo e configurando o medio. Temos agredido con tanta inconsciencia e ferocidade os ecosistemas que terman de nós, que ata os virus saltan dos seus nichos alterando os mapas da vida.

Daquela, lemos que en áreas cada vez máis estensas xa non se escoita o canto dos paxaros. O humilde gorrión, indicador da saúde de vilas e cidades, camiña cara á invisibilidade. As mañás primaverais, estrañamente silandeiras, van perdendo as cores, a beleza gratuíta dos rechouchíos. Décadas de abondosa sementeira química están a baldeirar os campos de insectos, primeiro prato na paparota da vida. Agora sabemos que vagalumes e bolboretas importan, como importa o tigre de Bengala e o lince ibérico.

Non fai falta moita imaxinación para escoitar o clamoroso silencio dos máis pequenos. Provocado por un virus que vacina contra a alegría de vivir, que amordaza os berros e obriga a medrar en soidade a carón doutros nenos e nenas na primavera silenciosa das aulas, casas, patios.

O que denunciaba R. Carson el 1962 está ben presente en 2021. Algo estamos a facer mal. O cambio climático, a desertización, a tala da alfombra verde das selvas, a sementeira de plástico, as mil formas de contaminación pasan factura. A boa noticia é que agora somos máis conscientes do problemas do planeta enfermo. "Estamos destruíndo o planeta -recorda Saramago-. O egoísmo de cada xeración non pregunta como vivirán os que veñan despois". Somos pombas e cobras, individualistas e solidarios. Colocando pedra sobre pedra no presente decatámonos de que non podemos apropiarnos dun futuro que non é noso. Somos quen de cambiar o rumbo equivocado. Para que nenas e nenos, as floriñas ventureiras, tanta xente, prantas, animais, as paisaxes, bolboretas e paxaros non estean ás portas doutra primavera sen música nin cores. Silenciosa.

Primavera silenciosa
Comentarios
ç