Opinión

Reler 'Os xustos' de Borges

Relendo Os xustos de Borges en tempos de pandemia. Ou cando a forza e a beleza das palabras salvan dos medos, achegan ao outro, vacinan contra o ruído.

"Un hombre que cultiva su jardín, como quería Voltaire". Os que coidan dos parques. As mulleres que plantan flores á espera de que a primavera rebente as costuras da terra. Os que podan as árbores danadas polos duros temporais do inverno. Elas, eles están a salvarnos.

As que agradecen e seguen a compoñer música. Os que sementan cancións nas redes para que a vida estea chea de vida. As que ensaian longas horas co clarinete, co piano, coa viola para que as orquestras sigan vivas. A música, que nos fai mellores, está a salvarnos de nós mesmos.

A rapazada toda, nenas e nenos, condenados ao silencio e a soidade. Xusto cando deberan estar xogando no ruidoso xadrez da vida. Porque o xogo é o traballo e a súa profesión: non hai mellor forma de medrar e aprender que a carón dos iguais.

Os que pescudan unha etimoloxía, ou fan alquimia coa infinita forma das palabras que nos alimentan, que son carne, e viño, e pan de cada día.

As mulleres, os homes ceramistas que "premeditan unha cor, unha forma", nestes tempos de desolación moldean e apaciguan a dor humana, enfróntanse á enfermidade nos hospitais, e acompañan nos camiños da morte.

As, os que se empeñan en seguir tecendo versos, pulindo o ritmo dun poema, buscando afanosamente una rima no infinito río das palabras. Elas ven máis lonxe e máis limpo, eles constrúen un mundo mellor.

As que pasean o cadeliño. Os que acariñan un coello, un gato dormido no colo. Os que escoitan os primeiros arrolos dos pombos ou o canto de amor do cuco.

Os que compoñen a familia humana e son ben capaces de sentarse a carón doutras peles, doutras linguas. Os que non buscan saltar a cola polos atallos de dereitos a decidir, autodeterminarse, cousiñas que xa conquistaron os máis ricos.

Os que agradecen, como Borges, que na terra haxa Stevenson. E Marie Curie. E Nelson Mandela. E Rosa Parks. E Bauman. E a Szymborska. E a nosa Rosalía. Tantos, tantas que amoblan con tanto luxo o cerebro, que abrigan con tanta quentura o corazón humano.

Os que toleran con paciencia e humor aos pillabáns. Aos que fan trampa cos cartos infinitos. Aos que saltan a fila á hora de vacinarse. Aos que suspenden en civismo. Aos que están a facer un negocio xigantesco e inmoral co virus que nos ameaza.

Esa xente que se ignora porque non se coñece. Que sae a traballar, se pode, cada mañá. Que pasa frío nas aulas. Que coida de nós nos hospitais, nos supermercados, nas carreteras, nas casas… esas personas que non se coñecen, esas persoas que se ignoran son as que nos salvan.

Elas, eles están salvando o mundo. Mentres relemos Os Xustos, de Borges.

Comentarios