Opinión

Valores da casa Europa

Vimos de celebrar o 9 de maio, o Día de Europa. Aposta, no torturado continente, pola paz. Tanta, que é inconcibible unha guerra entre países civilizados dunha UE orgullosa do seu lema: ‘Unida na diversidade’.

Escoitamos ao filósofo grego: «Nacer é sempre chegar a un país estranxeiro». Si, éche unha sorte chegar, vivir en Europa. Privilexiada illa de benestar social. Berce dos dereitos humanos. Escenario de valores democráticos. Con rémoras do pasado como os belicosos nacionalismos que rexorden. Ou aquel xogo de tafures que dividíu o mapamundi co cartabón da cobiza. E despois, os intentos de amañar a desfeita co dereito de autodeterminación para poñer fin a depredación.

Fóra desas pantasmas do pasado, agora hai tarefas urxentes. A emancipación e o protagonismo da muller: oportunidade e riqueza. O valor social e económico da ciencia e da investigación que fai máis amable a vida no planeta. A separación nidia entre Estado e credos, urxente desde a traxedia afgana, o país non-país na noria dunha guerra interminable. Pero os valores non se poden impoñer con pólvora. En Irak, en Libia, en Iemen, en Siria, en Afganistán, tantos sitios por onde sangra o mapa. Guerras que recordan a sabedoría antiga: siglos para contruír unha cidade, apenas unhas horas para derrubala.

A xente escapa da apocalipse da guerra. Da crueldade de credos e teocracias machistas e inhumanas. Do ultranacionalismo do sátrapa ruso e das súas nostalxias imperiais que martirizan Ucraína. Dos climas invivibles. Foxen coa sagrada pretensión de vivir e buscar seguridade para a familia, futuro para os fillos. E unha evidencia: nin coa maior tecnoloxía bélica pódense exportar modelos democráticos e valores humanos. Pero a democracia máis fráxil necesita da arquitectura do Estado, paraugas que acubilla e protexe do matonismo dos fortes. «O fin do Estado é que se poida vivir ben, isto é, feliz e pracenteiramente», di Platón. A democracia, utopía en movemento, sempre está en construcción.

Á primeira tríada, liberdade, igualdade, fraternidade que abríu as portas á modernidade, hai que engadir hoxe as cores verdes do ecoloxismo, violeta do feminismo e vermella da equidade dunha visión social que poña freo ao desapiadado neoliberalismo económico. Que mesmo aproveita a dor e as mortes dunha pandemia para afondar as desigualdades. Os dez máis ricos do mundo duplicaron a súa fortuna na pandemia, recorda Oxfam. Aquí, a riqueza de vintetrés milmillonarios medrou un 29%.

A nosa Europa é vacina contra os populismos. Contra os que tentan dividir a UE. Contra a manipulación tecnolóxica e as pantallas que devoran. Contra o baldeiramento de valores democráticos. Coa fermosa ‘Oda á alegría’, á liberdade e á democracia liberal. Para preservar os valores da casa Europa

Comentarios