Opinión

Roubades o futuro dos fillos!

Éche boa verdade que o clima ten mala memoria. "Nunca tal vin!", "Non se recorda outra nevarada como esta!", "A enchente nunca chegou tan alto!", dicimos cando alguén escoita. Algo vai mal, alertan os científicos, na capa da vida que nos envolve e permite respirar aos seres vivos.

Aquí e acolá, episodios cada vez máis violentos de temperaturas extremas, secas, incendios, inundacións. Xusto cando a peor onda de frío petaba en catorce estados USA cuns inimaxinables -40º o presidente excesivo bromea: "Que pasa co quentamento global? Volve, necesitámoste!" Como tantos negacionistas de luces escasas, non distingue tempo de clima, xusto nun país que leva décadas emporcallando o planeta con plástico e CO2. Nos antípodas ocorren episodios de temperaturas extremas: Australia, 46,6º.

Como é posible que políticos e gobernantes ignoren que o clima do planeta é algo global e interconectado?. Ao final, pola cegueira e a irresponsabilidade dos poderosos, sofren os máis febles. Son os exiliados do clima. Temperatura e secas expulsan a millóns de persoas de infernos invivibles. O mundo rico vai ter que erguer máis Muros da Vergonza e do Medo para tentar frear, inutilmente, o éxodo.

Máis aló das humoradas perigosas de Trump, que non sabe que non sabe, cómpre escoitar aos que saben. A científica francesa Anny Cazenave, do Instituto de Ciencias da Terra, avisa de que o nivel do mar sobe tres milímetros anuais, e iso está a cambiar a forma da Terra: zonas mergulladas, salinización dos acuíferos, erosión da liña costeira. As costas, zonas máis poboadas, son as máis sensibles.

Convén no perder tempo e folgos coa ignorancia irredutible dos negacionistas e atender outras voces máis novas, máis limpas, máis esperanzadoras. Con máis futuro.

Agora mesmo, en Bélxica, os estudantes son a punta de lanza contra políticos cegos ante a desfeita climática. Tres rapazas, Anuna de Wever, Kyra Gantois e Adélaïde Charlier lideran un exército de adolescentes airados e cos ollos ben abertos. O dez de xaneiro manifestáronse 3.000. E logo 12.500. A finais de mes xa eran 35.000. Reclaman con sentido común cousiñas que ignoran políticos sen sentido común: medidas efectivas contra o envelenamento do planeta e o quentamento climático. Os grandes emporcalladores da terra, das augas, do ar, dos mares, terán que limpalos para que o río da vida siga.

Os estudantes belgas tiveron un precedente: a rapaciña sueca Greta Thumberg coa súa pancarta diante do parlamento de Estocolmo: "Skolstrejk for klimatet". Folga escolar polo clima.

Xente nova contra dinosaurios que non queren extinguirse. Denunciando na rúa a cobiza, a ignorancia, a parálise política. A favor do planeta, casa de todos e fogar da vida.

"Estades a roubar o futuro dos fillos!", berran.

Comentarios