Opinión

Século XXI, os anos terribles

Na retina histórica, o século XX. O das dúas guerras civís da humanidade. O das ideoloxías da morte, fascismo, nazismo, estalinismo. O das conquistas que melloraron a vida no planeta como a gobernanza da Onu para resolver conflitos civilizadamente.

Pero volven, coa súa temible face, pantasmas do pasado neste século XXI. Un quinquenio desolador para a familia humana comeza en 2016 co ascenso ao trono do mundo daquel Trump paradigma de populismo, polarizacion e posverdade, estudiados por M. Naím. Nese ano aciago, o Brexit. O Autobús das Mentiras de Boris Johnson, 350 millóns aportados cada semana á UE, ocultaba que recibía unha cantidade maior. Agora medra a xenofobia, a inestabilidade política e a crise económica paraliza ao país. 

Make America Great Again, Magalandia tóxica en EE UU, desgarrado en dúas metades que se odian. Incapaz de aceptar que en décadas será país de minorías: negra, latina, blanca, indíxena.

Dentro do quinquenio terrible, 2020, o do covid-19 que paralizou o planeta. Precursora doutras pandemias pola desfeita de ecosistemas que compartimos con millóns de especies expulsadas dos seus nichos. Os medos e desolación dos anos da peste quedarán connosco. Millóns de enfermos e falecidos. Sistemas de saúde no límite. Empobrecemento mundial. Tamén a poderosa tecnoloxía humana que domeñou o virus.

O cambio climático nestes anos terribles é evidencia. Agora enterámonos de que multinacionais do petróleo como a Exxon, negocio contra a vida, sabían e ocultaron o destrozo climático. Aquí, a cegueira de Doñana.

2022 foi o ano do imperialismo ruso e a crueldade do autócrata Putin. Crimes de guerra na agresión ao veciño. Bombas de fame, mísiles de terror, destrución de estruturas civís en Ucraína. Toda guerra é absurda pero, recorda A. Camus, a estupidez insiste sempre.

O quinquenio terrible empezou con Trump e o Brexit, remata co protagonismo de teocracias medievais. Clérigos crueis apoderáronse do poder en Afganistán. Un país de 40 millóns de habitantes condenado, sen o cerebro feminino, á pobreza. No veciño Irán, Mulleres, vida e liberdade sementan esperanza na loita contra outra teocracia corrupta e medieval.

Con todo, a democracia liberal mostra fortaleza nestes anos de líderes fortes. Os Trump, Bolsonaro e Jinping, Maduro e Duterte, Orban, Modi e Erdogan, a cabalo entre ditadura, autocracia e democracia iliberal.

Despois destes anos sombríos sairá coa forza o sol das democracias sobre irracionais ditaduras. Polos campos temperados da vella, culta, laica e democrática Europa, a UE, non poden cabalgar cabalos de Atila de ditaduras e teocracias. Nin os búfalos de autoritarismos e nacionalismos identitarios que a converteron nunha xigantesca fábrica de cadáveres. Naqueles, nestes anos terribles.

Comentarios