jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Sementar desigualdade

EUROPA IMPÓN políticas de desigualdade que poñen de xeonllos aos peóns periféricos, agora Grecia. Noutra beira do Atlántico, Obama aposta polo gasto público para revitalizar infraestruturas que vertebren a nación, marca como obxectivo económico loitar contra a desigualdade, arrasadora en USA desde os 70, e prioriza a defensa das clases medias, a maior conquista do século XX, espiñazo da democracia. Aquí: baixada brutal dos salarios e paro galopante, sindicatos e dereitos laborais en liquidación, abandono dos pobres á porta dos bancos de alimentos e incapacidade para tocar aos poderosos, mesmo os que están no lado escuro. Falciani?, un futbolista italiano. Volvemos á casiña de saída. Na Francia de 1789 a aristocracia era o 2% da poboación e o clero menos do 1%. O pobo, de labregos a burgueses, o 97%. Nada entre elites e clases populares. Na primeira década do XXI, Ocuppy Wall Street e movementos de indignados reflicten a mesma desigualdade que na época da Revolución Francesa. O slogan ‘We are the 99%’ recorda o panfleto ‘Que é o terceiro estado?’ onde Sieyès denunciaba a desigualdade extrema do Antigo Réxime.

A paisaxe social das dúas Españas está dividida por unha fenda cada día maior entre norte e sur, entre os moi ricos e os que soportan políticas a maior gloria da macroeconomía. O Mercado, potenciador de desigualdades, substitúe ao Estado Social. A desi-gualdade é poderoso disolvente social e asasino en potencia da democracia. O informe de Oxfam Intermón ‘Gobernar para as elites’ advirte de que unha desigualdade extrema, ese 1% máis rico que controla a metade da riqueza do planeta, secuestra a democracia. Co TTIP, Tratado de Libre Comercio Europa-USA, ata os gobernos son prescindibles.

En España, campioa de desigualdade, a crise vailles ben aos que mercan luxo, coches de alta gama e se apoderan do público a prezo de saldo, sen moito medo polo que se ve á xustiza, como eses 715 trampulleiros, legalmente invisibles según Montoro. Mentres os altos directivos aumentan ingresos por riba do 10%, os traballadores encollen un 0,6% os minguantes salarios. A crise deixará unha paisaxe de ruína social polo deterioro dos servizos sociais. A desigualdade engorda a opulencia duns poucos e empobrece a maioría expulsando aos máis febles cara á exclusión social. Saturno devora o fillo, ou como a desigualdade fai ineficiente ao capitalismo de casino. Coa devastación do público ponse fin á cohesión social. O público pasa a ser privado, couto accesible segundo o poder adquisitivo. Sen contrato social non hai sociedade, só polarización, terra estercada para populismos.

Hai políticas así de idiotas e malvadas. Hai países aos que non se pode muxir máis. Hai Españas que xa non soportan o desorbitado prezo da desigualdade.

Sementar desigualdade
Comentarios
ç