Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

O seu reino non é deste mundo

EN VERDADE o mundo enteiro é o seu reino. Esa presada miúda de megarricos foise apoderando do planeta de todos. Ese 1% extractivo que copa, ocupa e acapara o que debera repartirse co 99%. Oxfam calcula que os máis grandes depredadores collen nun bus. E que cada ano cartos e recursos quedan en menos mans e precisan dun bus máis pequeno. A riqueza ten ese especial magnetismo: acabará viaxando nun microbús.

Aquí, a economía ocupa páxinas invisibles dos xornais, as últimas, as que poucos len e só entenden os iniciados. As portadas resérvanse para as labazadas nas mesmas meixelas: o prezo rampante do crudo, pensións minguadas, globos sondas de impostos, o do gasto das hipotecas, a delincuente suba da luz. Todo iso obriga á xente do común a facer un burato máis no cinturón do pan, da casa, da electrecidade, da auga quente, das facturas do vivir.

Días atrás apareceu, outra vez, o listado de sesenta e cinco nomes que disparaban con pólvora allea e tarxetas black, cun saldo só limitado pola desvergonza. Políticos de diferente pelaxe, banqueiros, empresarios, sindicalistas converteron un banco nun patio de Monipodio onde case todo era posible. Gastaron cantidades inimaxinables en luxos que non collen nas cabeciñas da xente decente pero ben capaz de entender a magnitude do malgasto. Como o seu reino non é deste mundo non queda claro se devolveron os euros mal habidos. Algúns son castigados pola xustiza, pero pouco. Como recordaba o presidente do Supremo, a xustiza só é implacable cos robagaliñas.

A miúdo a árbore das tarxetas black non deixa ver o bosque de miles de millóns perdidos pola incompetencia, a arrogancia, a mala xestión, os disparatados soldos e prebendas de directivos que arrasaron con centenarias caixas de aforro. Ao fin, como os rescates ben entendidos empezan por un mesmo, foron malbaratadas despois de seren reflotadas cos impostos de todos.

Magnitudes tan xigantescas non significan nada. Nin collen en cabeza humana os miles de millóns que costou o rescate de bancos e caixas afundidos pola desmesura, a soberbia, os caprichos dalgúns sátrapas autonómicos, pirámides excesivas, aeroportos sin, cidades de: infinitos elefantes brancos que encheron as paisaxes das Españas e arruinaron o país.

E resultou que os traballadores acabaron salvando aos patróns. Os impostos de todos pagaban os beneficios de poucos. A compaixón dos pobres apiadouse da desgraza dos ricos. Estes Sesenta e Cinco da Mala Fama, de ética tan acomodaticia que extrae e acumula recursos de todos, exerce o dereito á secesión dos ricos, paradigma dese 1% que se autodetermina da sorte do 99%. Sempre terá un caixeiro a man con tarxetas de calquera das cores do arco da vella. Porque, éche ben sabido, o seu reino non é deste mundo.

O seu reino non é deste mundo
Comentarios