Opinión

Siria, a matanza dos inocentes

Unha das fotos que acompañan ao décimo aniversario do inicio da guerra, tres nenos estudan sentados na beirarrúa. Quéntanse co lume que arde nun bidón. Len moi atentos na aula da rúa coas casas derrubadas.

Non hai ningún adulto que lles explique o ambiente festivo nesa mesma rúa hai dez anos, cando as súas nais e pais reivindicaban, con flores nas mans, un chisquiño daquela Primavera Árabe para soñar coa liberdade.

Cando cansen cos libros volverán aos xogos infantís, profesión de risco a carón das bombas. O Observatorio Sirio de Dereitos Humanos contabiliza 22.000 cativos mortos pola pólvora e a fame.

Viviron sempre no colo da guerra e non saben que é iso da paz. Tampouco os pais entenden esta devastación tan inconcibible que ninguén ve o final. Quen combate contra quen? A ditadura de Bashar al-Assad contra o EI. Milicias contra goberno. Kurdos a este lado, Turquía enfronte. E os invitados habituais, Rusia, Irán, EE.UU. Israel.

Como ían imaxinar aquelas rapazas tan novas, os rapaces namorados, pais dos cativos que estudan, que aquelas protestas de marzo de 2011 habían de desembocar na gadaña que segaría o país enteiro: World Vision estima un custo en 1.200 billóns de dólares. Outros números doen máis. Fálase de 200.000 desaparecidos. Fálase de 88.000 encarcerados. Fálase de seis millóns de desprazados. Fálase de 13,4 millóns que precisan axuda para sobrevivir. Fálase, en fin, de 593.000 mortos que recordan a Herodoto: "Ninguén é tan necio que prefira a guerra á paz. Nesta, os fillos enterran aos pais. Na guerra, os pais enterran aos fillos".

Falar por falar. Porque o máis nidio é o xogo de tronos das grandes potencias. E a sementeira de odio dos credos: matarás ao teu inimigo. E o sinistro ditador a quen non alcanza a xustiza internacional. E o xigantesco negocio das armas para nos recordar que leva séculos edificar unha cidade e unhas horas arrasala. Séculos contruír un país, dez anos devastalo.

Poderían eses nenos debuxar os mapas da guerra? Sumar as cifras da barbarie? Pintar as cores dos civís que poñen sempre os mortos? As casas rebentadas polas bombas? Nun país con centos de miles de feridos foron destruídos 338 centros médicos. Pasa sempre: nas protestas da fame o primeiro que se queima son as panaderías.

Dez anos despois daquel marzo vestido coas flores da primavera e dos soños, «só os mortos viron o final da guerra», recorda Platón. Semella que unha mestra admirable invitou aos tres nenos a ler e copiar no inestable pupitre dos xeonllos os duros versos de Benedetti: "...abajo estaba el mundo/abajo, los de abajo/los borrachos de hambre/los locos de miseria/los ciegos de rencores/los lisiados de espanto". Na incivil guerra civil de Siria que con tanto entusiasmo asasina aos inocentes.

Comentarios