Opinión

Sísifo e a desigualdade

O malvado rei de Éfira foi castigado polos deuses a empurrar ata o cumio unha pedra que sempre acaba rodando costa abaixo. Metáfora da desigualdade. Nesa pedra faltan cartos, hai mala saúde, educación precaria, alimentación inadecuada, exclusión da vida política e social, soldos indignos. Ao fin, unha pesada pedra de infelicidade, onde os esforzos por alcanzar o cumio dunha maior equidade semellan condenados ao fracaso.

E iso que desde hai tempo coñécese a vacina contra a desigualdade: impostos progresivos para manter o estado de benestar. Impostos que crearon sociedades máis equitativas sobre os cascallos da II Guerra Mundial. Ata que na década de 1980 o neoliberalismo fracturou as sociedades.

O tsunami da Gran Recesión de 2008 deixou á intemperie a millóns de persoas: un quinquenio de desolación económica nun escenario de ruptura entre a Europa rica e a pobre. E na recuperación, pandemia do coronavirus. Outra vez a pedra de Sísifo costa abaixo. Cun virus que peta nos fogares con poucos ingresos. E agranda a fenda económica na casa mundo. En España contribuíu a aumentar o desequilibrio de renda. Máis aló das mornas fronteiras europeas o desequilibrio é inenarrable: desde Alxeciras vese a costa marroquí. Desde Europa, a veciña África éche invisible.

O Consello Económico e Social di que a pandemia vai deixar fondas cicatrices sociais. Co risco de cronificación se non hai resposta en forma de políticas sociais. Porque, datos do Eurostat, o 27% dos españois estaban en risco de exclusión a finais de 2020. A pedra de Sísifo medra na caída sumando capas de eres, ertes, bancos de alimentos, subas obscenas do prezo da enerxía. Por iso convén desconfiar dos que prometen baixar impostos nuns tempos onde o aumento das desigualdades engorda a concentración da riqueza. Onde, como aquí, as grandes empresas pagan en proporción, menos impostos. Onde benintencionados gobernos, cando tentan obrigar ás multinacionais a pagar máis, petan contra o sancta sanctorum dos paraísos fiscais, patria dos malos patriotas. Papeis de Pandora.

Só os impostos permiten adelgazar a pedra de Sísifo. Aumentando o salario mínimo ata convertelo en decente. Respectando a pensión do avó, cariátide que soporta o teito dos netos. Apostando polo salario social para que ninguén quede á intemperie. E así, o índice Gini, medidor da inequidade dos ingresos nun país, sabe ben que con menos impostos progresivos hai menos recaudación e menos capacidade para disminuír ese índice maldito.

Para isto eleximos gobernos e políticas que enfronten as desigualdades con presupostos intelixentes: unha maior xustiza social mellora a eficiencia económica. Para non seren  condenados, como Sísifo, a un castigo absurdo: empurrar cara a ningures a pedra da desigualdade.

Comentarios