Opinión

Tambores de guerra

Algúns líderes mundiais son incorrexibles, caendo sempre no burato do error. Vai ser que reflexionan pouco. E non viven a carón dos problemas da xente. Analfabetos en historia, ciencia viva e necesaria. Poderían achegarse aos museos para ver Los desastres de la guerra, do xenial Goya, reporteiro gráfico do horror. En Hollywood, e máis acó, moreas de películas bélicas sen unha faragulla de épica, de romanticismo idiota. Johnny cogió su fusil. En Tierra de nadie, tantas…

Agora Ucraína. Esquecemos xa a Guerra dos Balcáns? De 1991 a 2001 fervía o veleno dos nacionalismos. Tanta destrucción. Sementeira de odio para xeracións. Dun mundo multiétnico a feudos monoculturais, monorrelixiosos, monolingües.

Atordados por vibrantes tambores e o estrondo da pólvora os culpables sempre escapan, os inocentes quedan atrapados. Os guerreiros disparan, os civís poñen mortos, orfos, casas rebentadas.

Cómpre recordar a invasión de Afganistán. Foi antonte, 1972-1992. Infinita crueldade do exército soviético. Un millón de mortos. Tres millóns de feridos. Cinco millóns de refuxiados. Un país non-país incubando outra guerra na guerra interminable que sempre remata en fracaso. Vergoñento abandono da poboación. Bo pretexto para ler de xeonllos Los muchachos de zinc, da nobel Svetlana Alexiévich. Sí, tiña razón o noso Platón: "Só os mortos coñecen o final da guerra".

Que eses mortos pregunten aos iraquíes, vítimas dun complot internacional de mentireiros para destruír o país e espallar sementes de rancor polo planeta. Ou aos libios: sobre o sangue de Gadafi infinitos señores da guerra medran vizosos. Que os mortos pregunten aos sirios onde xa ninguen sabe quen é amigo ou inimigo: só cascallos, morte e refuxiados sen refuxio. 

Os líderes fortes do planeta len pouco: dan medo. Solucionan problemas con pólvora. Problemas grandes con grandes cantidades de pólvora. E de dólares. No hipermercado bélico, os de sempre: EE UU, 778.000 millóns de dólares; China, 252.000 millóns; Rusia, 62.000 millóns. Non estraña que falten casas, vacinas, pan nos rechunchos do mapa. O ruído da pólvora non deixa oír as demandas da xente.

Esa da que escribe Herodoto: "Ninguén é tan necio que prefira a guerra á paz. Na paz, os fillos enterran aos pais. Na guerra, os pais aos fillos". Tamén apaga voces sensatas que apostan pola palabra pero multiplica o balbordo dos que apostan pola forza no medio do clamoroso silencio da Onu: "Nós, os pobos todos da Terra...". Culpables que saben pero non actúan. Que ignoran que só cando cala o ouveo da pólvora volve o arrecendo da herba e a quentura dos abrazos.

"Lobo é o home para o home, e non home, cando descoñece quen é o outro". Desta volta en Ucraína, onde os peores dedícanse con entusiasmo canalla a redobrar tambores de guerra.

Comentarios