Opinión

Tempo de coidados

Victoria Camps ten unha profesión perigosa: éche filósofa. Ten escrito sobre a busca da felicidade, a dúbida, civismo e virtudes públicas, cousiñas da ética e da forma humana e intelixente de estar no mundo a carón dos outros. Ademais de escudriñar nos adentros, tivo e ten unha morea de cargos na vida pública. Agora escribe este fermoso libro sobre os coidados. Tan urxentes en sociedades cunha demografía en forma de trompo. Tan imprescindibles cando un coronavirus fai perigar a todos e abate aos máis febles.

O tema vai entre razón e sentimentos, dereitos e deberes, armazón da vida civilizada. De deber de mulleres e familias, a seren considerados dereitos éticos nunha sociedade democrática. E obriga moral de todos, homes, mulleres, institucións. Porque coidar non é un deber feminino, éche un deber e un dereito democrático. O dereito a sermos coidados cando estamos indefensos ou somos moi novos, cando a máquina do corpo falla ou no xogo da vida tocan as peores cartas, cando imos vellos… e o deber de coidar é responsabilidade asumida case sempre por mulleres. Sempre contaron máis as categorías do home, o racional, o traballo fóra e remunerado, fronte ás consideradas femininas e inferiores, as cousiñas do corpo, tarefas na casa, o mundo líquido das emocións.

Mans femininas termaban daqueles traballos heroicos e indispensables. Coidaban dos bebés, das enfermidades, dos fillos, dos maridos, dos avós. Como ocorrían portas adentro, eran invisibles. O Estado non se preocupaba desas "tarefas menores" que tiñan mans gratuítas para atendelas. Só nos casos flagrantes acudía en forma de beneficencia. Agora vai asumindo responsabilidades no ámbito dos coidados. As discapacidades son máis visibles e as sociedades envellecidas reclaman recursos e coidados.

Tempos e ideas cambian. O patriarcado que outorgaba funcións de coidados ás mulleres fainos máis febles, empobrece a democracia. Cando son cousa de todos e forman parte dunha ética humana e a democracia é máis forte. Os coidados son un amplo contedor onde collen traballo e vixilancia, tamén compaña, quentura, respecto, empatía, cousiñas fondamente humanas. E algo imprescindible: coidar de nós mesmos e coidar aos coidadores.

A pandemia de covid-19 evidenciou a nosa fraxilidade e a vulnerabilidade dos máis febles. Non poden quedar nas mans dos sentimentos. Precisan da razón, dos recursos, do recoñecemento dos coidados no ámbito privado, e fóra del, da organización e do apoio público. Moitos seguirán a ser gratuítos, outros remunerados porque son traballos especiais e moi especializados.

Margaret Mead di que coidadoras e coidadores do mundo dan sentido ao noso triunfo como especie. Elas, eles son as cariátides do Erecteion humano.

Tiempo de cuidados, un libro de Victoria Camps.

Comentarios