Opinión

Tempos de barbarie

Europa asomouse ao burato negro da vergoña o 24-II-2022, día D da barbarie. Imaxes, relatos de guerra coa carísima parafernalia dos hipermercados bélicos tan letais para destruír e roubar. E matar, sobre todo civís, os derrotados de sempre, os que perden pan e famila, cidades e casas.

Na televisión vemos deambular por camiños de espanto a mulleres exiliadas, nenos refuxiados que foxen de Ucraína. Atrás quedan os que loitan contra o invasor na desigual guerra de vítimas contra matóns.

A xente berra o rexeitamento á barbarie. Non á guerra! imperativo moral diante da agresión bárbara e salvaxe contra o país veciño e irmán ao que se lle nega o ar limpo da democracia. En fronte, este Vladímir Putin e a súa viaxe desde o xigantesco fracaso daquela URSS dilapidada en mans de oligarcas e cleptócratas ata a nostalxia do imperialismo ultranacionalista.

Os máis lúcidos dos nosos avisan: "Tristes guerras / si no es amor la empresa.../ Tristes armas / si no son las palabras…", di o luminoso Miguel Hernández. "Só os mortos teñen visto o final da guerra", di Platón. "Ninguén é tan necio que prefira a guerra á paz. Nesta, os fillos enterran aos pais, na guerra, os pais aos fillos" di o historiador Herodoto. "Homo hominis lupus, non homo, quom qualis sit not movit" di Plauto. "Cando estoura a guerra a xente di: isto non pode durar, é demasiado estúpido. E sen dúbida unha guerra é estúpida pero iso non impide que dure", di A. Camus. Oxalá se cumpra o desexo de El Roto: "Los derrotados somos invencibles".

Na retaguarda, as caras dos que provocan catástrofes e sacrifican a verdade, incitan ao odio e xustifican o exterminio. A do agresor Putin é ben coñecida: Chechenia, Xeorxia, Crimea, agora Ucraína, teatros de barbaries afastadas dos valores democráticos, dereitos humanos, legalidade internacional. E dor, destrución, morte de tantas, tantos. Para o autócrata, unha tarefa urxente: lectura repensada do Preámbulo da carta da ONU, nacida das cinzas de dúas sanguinarias guerras civís europeas. "Nós, os pobos das nacións unidas, resoltos a preservar ás xeracións vindeiras do flaxelo da guerra,  a reafirmar a fe nos dereitos humanos, na igualdade de homes e mulleres e das nacións pequenas e grandes, a convivir en paz como bos veciños…". Non convive en paz quen ordena bombardear fogares. Os que silencian con bombas torres de comunicación. Os que rebentan con pólvora hospitais e maternidades. Os que empuxan ao exilio a millóns de inocentes.

Recorda W. Szymborska que despois dunha guerra alguén ten que amañar as desfeitas, retirar cascotes, recoller os cadáveres… Si, cando remate a agresión contra Ucraína haberá que limpar as paisaxes humanas da escoura de criminais de guerra. Das pegadas de odio, ruína e morte que deixaron estes tempos de barbarie.

Comentarios