Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

Todas as labazadas nas mesmas meixelas

Tivo a sorte de nacer nunha aldea. Nun rural máis aló da parvada de vivir nun paraíso terrenal, nun edén das paisaxes idílicas. Porque o primeiriño que atopa é que non ten escola cerca. Que pasa moitas horas cada día arrincado da familia, vivindo coas raíces no ar nun ecosistema humano estraño.

Calquera día a familia enterarase de que a escoliña e ata o instituto trasládanse a unha vila máis grande, a un edificio xigante con moita rapazada descoñecida xunta. O voceiro oficial falará de optimización de recursos, ignorante ou non, de que tras o peche da escola virá o peche do pobo. O INE vén de avisar que o rural perde cinco habitantes cada hora. Catorce provincias están en situación crítica co 80% dos municipios en perigo de extinción.

Onde vai que cerraron os cuarteis da garda civil! A seguridade pública, esencial no estado social, é cara. Unha minoría defende o seu benestar contratando seguridade privada. Agora mesmo hai un bombardeo de ofertas de alarmas aterrecendo á xente cunha invasión de ladróns que desvalixan a casa nos dez minutos que fuches comprar pan. Sen seguridade non hai paraíso. O medo foise instalando no rural envellecido apesarando os últimos anos dos avós, heroes contra á despoboación e o baleirado de xente.

As pragas bíblicas foron máis. Son as que agora se abaten sobre pobos e aldeas da España Baldeira e das Laponias deshabitadas. Porque tamén pechan as sucursais bancarias. As benditas caixas de aforros foron saqueadas pola bicharada desde dentro sen que complexos sistemas de seguridade detectaran aos grandes saqueadores. Sen posibilidade de acceder aos cartiños a vida tórnase difícil en sitios onde non se pode pagar con tarxeta. Onde o comercio electrónico, as redes, internet seguen a ser cousiñas alleas. Este analfabetismo dixital imposto polo matonismo do sistema económico é outra forma de exclusión.

A última labazada na cara dos que levan toda a vida recibindo labazadas é a supresión do transporte público. Condena ao illamento a unha poboación envellecida sen posibilidade real de usar o coche particular.

Sen escolas, sen comercios, sen farmacia, sen caixas de aforro, sen cuarteis da garda civil, sen trasporte público, a estes Robinsóns de pobos e aldeas fáiselles costa arriba a vida diaria. Quedan saídas, claro: como as que vén de propoñer un equipo de economistas: creación de zonas económicas especiais con exencións fiscais, reforzar a rede de médicos e mestres rurais e, en vez de seguir pechando oficinas bancarias, ampliar os seus servizos ata facelos tamén centros de referencia dixital, cultural e xurídica. Iso ou a resistencia numantina ata os bordos mesmos da morte. Porque o último cartel colgado é "Prohibido enfermar": veñen de pechar o consultorio médico. A última labazada.

Todas as labazadas nas mesmas meixelas
Comentarios