Opinión

Ucraína, a guerra dos nosos antepasados

O QUE ía ser paseo triunfal xa é un ano de barbarie. Xeografía humana arrasada e mortos: máis de 240.000 estima a BBC. Só eles viron o final da guerra, di o vello Platón. Na de Afganistán os soviéticos perderon 15.000 soldados. Los muchachos de cinc da Nobel S. Aleksievich, volverán ataúdes metálicos ás aldeas rusas e ucraínas con rapaces rusos e ucraínos sen motivos para odiarse. Ademais dos mortos, a Onu rexistra 7,8 millóns de refuxiados na UE. Nestas matemáticas da dor, ¿quen contará as décadas de rancor? ¿Quen, a sede de vinganza nos agredidos? Os círculos concéntricos de odio abranguen a familias, veciñanza, compatriotas nunha espiral interminable. 

O ardor guerreiro impide ver que a vitoria non é posible coas armas. Outros medios máis intelixentes terán que construír a paz. Silenciada a retórica só queda o ruído da pólvora. Polo de agora, misís cargados de terror seguen alcanzando obxectivos civís. 

A conmemoración do I Ano da Barbarie reúne á feligresía militar e civil no monumental Gosciniy Dvor de Moscú. Pompa e circunstancia para o autócrata. Silencio relixioso e aplausos coordinados polo medo. No discurso, o que xa sabemos: que en toda guerra a primeira vítima é a verdade. "A verdade está connosco", proclama, e soa como consigna orweliana. Quere protexer ao Pobo, con maiúscula populista, da "dexeneración" de Occidente, onde toda perversión é posible. Na ladaíña do delirio desfila o matrimonio homosexual, a pedofilia, a destrución da familia, o colectivo LGTBI. No salón solemne o silencio é de mármol. Sen voces diverxentes. Alí sentan os que coñecen o cheiro da mentira: calan e aplauden ao dono da verdade. Que afirma que Rusia foi atacada por Occidente. Que non oculta o apetito imperialista. Que ameaza con non dar un paso atrás e mesmo co armageddon nuclear. 

A alucinada dialéctica sobre valores sociais, familia, patria, nacionalismo, culto á morte e aposta pola guerra, podería ser firmada polos mesías fascistas e nazis que cubriron de cascallos a xeografía europea e convertiron o s.XX nunha xigantesca fábrica de cadáveres. A ideoloxía que move a retórica bélica e social é fondamente reaccionaria. Sen freos culturais, democráticos, respecto aos dereitos humanos e ás minorías. "Rusia combate polo pasado, Ucraína polo futuro", recorda Y. Andrujovich.

As democracias liberais da UE están co agredido. A teimuda resistencia ucraína recorda á viñeta de El Roto: Los derrotados somos invencibles. Un ano onde os únicos vencedores fan caixa no hipermercado das armas. Pouco que esperar da megalomanía delirante do autócrata cargada de morte e destrucción, dor e crimes de guerra. A estupidez persiste sempre, recorda A. Camus. Nas guerras dos antepasados e, para nosa vergonza, dos coetáneos.

Comentarios