Opinión

Un milagre educativo

PORTUGAL. CONTAN os xornais que desde inicios do século o avance educativo no país irmán é espectacular: unha escola pública de calidade, igualitaria e con boa reputación social. Afastada do sistema educativo herdado dunha ditadura con desigualdades insultantes.

En cada edición de PISA, tampouco dogma de fe, aparecen máis sobresaíntes que suspensos. E o abandono escolar pasou do 41% ao 13,6%. Buscando as claves de despegue tan espectacular resulta que a máis importante é a atención exquisita aos catro primeiros anos. Apostar por eles garante unhas bases equitativas para todo o sistema educativo. Saben que os primeiros anos son os máis relevantes na epopea humana de cada individuo. Decatáronse que o 10% dos alumnos das familias acomodadas teñen un rendimento cinco veces superior ao 10% máis desfavorecido.

Ao contrario dos países entusiastas das privatizacións, en Portugal o 83% do alumnado acode a centros públicos, só un 4% a concertados. Nestes anos foi creando unha rede de escolas públicas de calidade cunha ampla oferta de actividades extraescolares gratuítas. Esas actividades son usadas aquí como filtro clasista e seleccionador. En España o 68% do alumnado asiste a un centro público. Estamos entre os países europeos con menos escola pública e máis concertada: toda unha aposta pola desigualdade e a falta de equidade.

Dato esperanzador da política educativa en Portugal é que nos peores momentos da Gran Recesión que castigou de xeito desapiadado ao sur de Europa, mantivo a inversión educativa nun 5,1% do PIB. Para a nosa vergonza España está un punto por debaixo.

Apostan por formar máis e mellor ao profesorado. Esixen un máster pedagóxico en Infantil e Primaria, prácticas no primeiro semestre de carreira, formación continua obrigatoria e específica en metodoloxía innovadora. E atención especial nas etapas máis importantes: Infantil e Primaria.

No éxito hai que anotar o esforzo do profesorado, familias, inversión educativa continuada e autonomía dos centros. E ademais, formación específica para a dirección, máis poder e participación dos concellos, clases de reforzo para que non aumente a fenda en cada curso. Nada de deberes nin repeticións ata o 3º ciclo para evitar a desmotivación. Menos abandono escolar.

E un punto fundamental: docentes respectados e queridos aos que non se atúa. Semella incrible, pero cando empeza a exercer un profesor gaña un 20% máis que un médico. Velaquí o resultado: o último informe PISA mostrou un Portugal por riba de España, sete postos en ciencia, tres en lectura, tres en matemáticas.

Temos pasado tanto tempo abraiados diante da afastada Finlandia, da exótica Singapur e resulta que o espello máis nidio e fiable estaba ao noso carón, no irmán e veciño Portugal. Todo un milagre educativo.

Comentarios