Opinión

Unha viaxe pola ópera e a zarzuela

OS BILLETES agotáronse para esta inesquecible viaxe pola ópera e a zarzuela. Foi o sábado pasado no Círculo das Artes, nun salón escaso ateigado de xente. Como tamén asistiron a alcaldesa e a deputada de Cultura, non fixo falta preguntar polo novo auditorio. O concerto xuntou catro corais: Coral Polifónica do Hospital, Lugh, Sólo voces e Cantar delas. O que empezou como un reto notable, remataría nun éxito sobresaínte.

Dúas partes nesta viaxe pola música. A primeira dedicada á opera con dúas espléndidas voces solistas, duetos, coros feminino e masculino e a coral. Pezas recoñecibles e tan emocionantes como ‘Casta diva’ de Norma ou o espectacular ‘Coro dos zíngaros’ de Il Trovatore. E como non de-sexar estar no escenario a carón do xigantesco Verdi e unirse ao ‘Va pensiero’, himno contra toda opresión e grandioso símbolo de libertade.

Con seguridade neste fermoso e traballadísimo concerto houbo un público expectante e entregado. E con toda seguridade as corais participantes demostraron estar ben empastadas, todo un éxito das mulleres e homes que entregan o mellor de si mesmos. O éxito ten unha enorme peaxe que cómpre pagar. Parte dese éxito é do pianista Aurelio Chao.

Pero nun concerto tan redondo, tan esixente en tempos, entregas, esforzos, chama a atención a escasa presenza de xente nova. Aquí temos unha universidade que semella vivir de costas á cidade, un Conservatorio de Música e outro de Danza. A ausencia nestes eventos é clamorosa. A educación da sensibilidade, a capacidade de escoita, as ventás abertas ao asombro e á curiosidade parecen asignaturas pendentes ou derrotas da sociedade e dun sistema educativo que está a expulsar das aulas a música, as artes, o cultivo da beleza.

Zarzuela na segunda parte, con pezas tamén recoñecibles e unha imaxinativa posta en escena. Da mesma maneira que un coro feminino abríu a parte da ópera cunha delicada ‘Ombra mai fu’, de Xerxes, un coro de homes abriría a 2ª parte co ‘Coro de doctores’ de ‘El Rey que rabió’.

Cómpre aplaudir este fermoso intento. Por que non falar ben do noso? Por que non agradecer aos que fixeron posible este concerto, en especial ao seu director Fernando G. Jácome, especie de rei Midas que transmuta en ouro musical todo o que toca? Como non agradecer o fermoso agasallo a ese cento de mulleres e homes admirables? O seu esforzo non pode quedar aí. Con toda seguridade sería un concerto axeitado para inaugurar o novo auditorio. Esta viaxe inacabada debe continuar. A música é imprescindible, acompaña os momentos máis salientables da vida. A música educa e fainos mellores.

Foi o sábado pasado, aquí en Lugo. O sangue da música quentando o corazón frío da cidade. Soa outra vez ‘Va pensiero’. Ópera e zarzuela, unha viaxe interminable.

Comentarios