Opinión

Valores da casa Europa

Cada ano o Día de Europa aposta, no torturado continente, pola paz. Tanta, que é inconcibible unha guerra entre países civilizados dunha UE orgullosa do seu lema: ‘Unida na diversidade’. Aínda que non podamos evitar a agresión de tiranos veciños.

Escoitamos ao filósofo grego: "Nacer é sempre chegar a un país estranxeiro". Si, éche unha sorte chegar, vivir en Europa. Privilexiada illa de benestar social. Berce dos dereitos humanos. Escenario de valores democráticos. Belicosos nacionalismos rexorden, extremismos renegan de Europa. Velaí a ultradereita italiana, antieuropea, de Giorgia Meloni tentando acadar o poder.  

Rémoras do pasado, como aquel xogo de tafures dos imperialismos dividindo o mapamundi co cartabón da cobiza. E despois, os intentos de amañar a desfeita con dereitos de autodeterminación.

Agora hai tarefas urxentes. A emancipación e o protagonismo da muller: oportunidade e riqueza. O valor social e económico da ciencia e da investigación, que fai máis amable a vida no planeta. A separación nidia entre Estado e credos. Pero os valores non se poden impoñer con pólvora. En Irak, Libia, Iemen, Siria, Afganistán, tantos sitios por onde sangra o mapa. Guerras que recordan a sabedoría antiga: siglos para contruír unha cidade, apenas unhas horas para derrubala.

A xente escapa da apocalipse da pólvora. Da crueldade de teocracias machistas e inhumanas. Do ultranacionalismo do sátrapa ruso e das súas nostalxias imperialistas que martirizan Ucraína. Dos climas invivibles. Foxen coa sagrada pretensión de vivir e buscar seguridade para a familia, futuro para os fillos. E unha evidencia: nin coa maior tecnoloxía bélica é posible exportar modelos democráticos e valores humanos. Ata democracia máis fráxil precisa da arquitectura do Estado, paraugas que acubilla e protexe do matonismo dos fortes. "O fin do Estado é que se poida vivir ben, isto é, feliz e pracenteiramente", di Platón. Democracia, utopía en movemento, obra en construcción.

Á primeira tríada, ‘liberdade, igualdade, fraternidade’ que abríu as portas á modernidade, hai que engadir hoxe a ‘tríada das cores’ verdes do ecoloxismo, violetas do feminismo, vermellas da equidade. Para poñer freo ao desapiadado neoliberalismo económico, que mesmo aproveita a dor e as mortes da pandemia para afondar as desigualdades. Nela, os dez máis ricos do mundo duplicaron a súa fortuna, recorda Oxfam. Aquí, a riqueza de vintetrés milmillonarios medrou un 29%.

Europa é vacina contra populismos. Contra os que tentan dividir a UE. Contra a manipulación tecnolóxica e as pantallas que devoran. Contra o baldeiramento de valores democráticos. Coa fermosa ‘Oda á alegría’, á liberdade e á democracia liberal. Para preservar os valores da casa Europa.

Comentarios