Opinión

Desde a ventá, os latidos da primavera

AS PRADARÍAS estrean o verde máis novo. Aguantan os carballos as ganas de agromar. Os paxaros voan do niño á comida sen pensar en hipotecas e cadeas alimentarias. O que case non se ve desde a ventá son especímenes da única especie humana no planeta. O coronavirus pechouna nas casas. Só a catarse do humor logra agochar o medo.

O filósofo Zizek di que o coronavirus sacou á luz outro virus que infecta ás sociedades: o insostible capitalismo, sistema global coas luces vermellas.

Pechados na casa, obrigámonos a pensar. E a mirar. Estamos rodeados de infinitos chintófanos: parasitan a vida, rouban o tempo, afastan dos outros. Cantos sobran? Condenados a medrar, arrastramos como Sísifo a pesada lousa do crecemento cara ao cumio. Ata que a próxima crise afunda as previsións.

O consumismo consume. Unha soa especie, homo sapiens, devora o planeta. Apenas queda sitio para as 4.380 especies de mamíferos. Aves e réptiles duplican ese número. Que pasará coas 750.000 especies de insectos descritas? Como sobrevivirá o millón de especies que pululan nos océanos? E que lles sucederá aos tres billóns de xigantes xenerosos, esas 60.000 especies de árbores que sobreviven a motoserras e incendios?

A pandemia trae algo positivo. Illados, coa riqueza do silencio, decatámonos de que somos comunidade: dependemos dos outros. Somos capaces de separar o gran da palla, aos banais dos imprescindibles. O coronavirus está a devolver ao posto de mando aos expertos, médicos, científicos expulsados de alí polos reis Midas das finanzas, idoliños do deporte e do espectáculo.

O modelo económico leva a ningures. Mentres as persoas enferman e morren polas guerras, destrución dos hábitats, cambio climático e agora esta pandemia, a preocupación é a economía. A tiranía do mercado foi secándonos a humanidade. A realidade virtual das pantallas envelena os soños con fake news, dereitos de patrias privilexiadas, explosións de xenofobia.

Agora estamos en pausa. Desde a ventá, a primavera rebenta as costuras da terra. Millóns de especies están de noraboa na arca de Noé do planeta. O coronavirus dálles unha oportunidade. Limpa o aire en Pekín. Volven os peixes aos canles de Venecia. O río de plástico que envelena os mares leva menos caudal de merda.

O silencio obriga a pensar como deter o consumo desaforado. Como poñer coto a un capitalismo que se comporta como praga de langosta. Como frear a contaminación, o quentamento global a depredación duns recursos que pertencen a millóns de especies e foron monopolizados por unha soa. A pandemia desvela o importante. Obriga a vivir en familia. Dependemos dos outros. Viaxamos no mesmo barco. Habitamos unha aldea global. A natureza esperta e sentimos no peito os latidos de todos movendo o mesmo corazón.

Comentarios