sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Versos contra a desmemoria

RÉQUIEM DE Anna Ajmátova, obra mestra da poetisa rusa nos anos ominosos onde Stalin impuxo un inferno de terror. Tanta dor, tanto frío despois de prometer o ceo na terra. Ao fin, paraíso para poucos, tebras para a maioría. Coñecemos ben a época de terror e silencio que evocan Beria, Yehzov no poema, o propio Koba ou Stalin, o home de vodka e aceiro.

Cos versos de Ajmátova descendemos ata anos sen quentura humana, sen esperanza. 1935 a 1940. "Eu estaba co meu pobo... Xamais busquei refuxio baixo ceo estranxeiro", di a poetisa que quedou para contar a dor de millóns de seres humanos. Os versos debuxan unha interminable fila de nais, esposas, para levar roupa, comida ás vítimas do terror.

Xenios do mal, Leopoldo II no Congo Belga, Hitler na Alemaña nazi, creadores de rexímenes inhumanos, difuminan o que pasou na URSS. Os versos do Réquiem son testemuña da tiranía contra a humanidade. Neles agroma a resistencia para se enfrontar á desesperación, á carnicería da guerra (un morto é unha traxedia, un millón éche unha estatística), á vida en voz baixa nunha paisaxe de tebras. E á censura: os perigosos versos de Ajmátova foron gardados nos faiados da memoria. Publicados no tempo da perestroika, cando a URSS foi despedazada por oligarcas e cleptócratas. Reflicten a angustia nos anos do gulag, das purgas que destruíron o fermoso soño, contra o capitalismo máis desapiadado, dunha sociedade máis igual, libre e fraterna.

Quince poemas curtos cicelados de remembranzas: cronoloxía de sufrimento inenarrable do pobo ruso durante anos de terror, fame e frío que impuxo Stalin. Unha certa quentura esvara polos versos desde os ollos das mulleres, mater dolorosa, a pé interminables horas e días diante dos muros que pechaban a maridos e fillos. Ringleiras de dor feminina, que "...va gravando as meixelas/como taboíñas de escritura cuneiforme", de loito e incredulidade, de dor muda máis dura que o aceiro: stalin, en ruso.

No inicio do poema, unha muller cos beizos azuis polo frío pregunta: "Podería describir isto?". Ajmátova contesta: "Podo". Semella o encargo que un home misterioso fixera a Mozart, autor doutro Réquiem, o máis estremecedor de todos os tempos. As dúas obras, a dos versos, a das notas falan de soidade, de illamento, de perda, de abrumadora falta de esperanza. O de Ajmátova, contra o silencio opresivo, a deshumanización, a morte imposta a ferro por un canalla. E polos canallas que pare a historia. Convén no perder memoria hoxe, cando volven os credos e esmorecen as ideoloxías.

Réquiem éche fermosa palabra que significa descanso. Acompaña a memoria dos mortos. "Son moitas as cousas por facer/acabar de matar a memoria/e aprender de novo a vivir". Mantendo aceso o lume contra a desmemoria.

Versos contra a desmemoria
Comentarios
ç